O secretario xeral insta a Feijóo a aclarar “se apoia o veto parental”, un instrumento da ultradereita “para frear o avance social e criminalizar a educación pública”
Santiago, 20 de xaneiro de 2020. O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, compareceu hoxe ante os medios para abordar a rectificación de Feijóo sobre o peche do paridoiro de Verín despois de mentir alegando “criterios técnicos” relativos á seguridade nos partos.
“É a primeira gran vitoria da maioría social progresista. Feijóo xa non toma as decisións, senón que unha nova Galicia arrincona ao presidente e oblígao a rectificar”, sinalou Gonzalo Caballero, quen censurou os ataques de Feijóo contra “a calidade da sanidade pública” e contra “a atención aos habitantes do medio rural”.
Neste senso, o líder dos socialistas galegos urxiu a Feijóo a reapertura “inmediata” do paridoiro de Verín e unhas “desculpas” polo seu “discurso falaz” que utilizou “para meter medo” ás familias coa “falla de seguridade” para dar a luz no hospital desa vila.
“Se Feijóo tivese un mínimo de dignidade política, asumiría responsabilidades políticas polo peche do paridoiro de Verín e cesaría a todos os responsables políticos desa decisión”, recalcou Gonzalo Caballero, antes de reclamar a Feijóo que “non faga máis dano” nos meses que lle quedan de mandato.
VETO PARENTAL
En paralelo, o máximo dirixente do PSdeG criticou “a falla de lealdade” de Feijóo, que se amosa “incapaz de resolver os problemas de Galicia” e prefire dedicarse a confrontar co goberno progresista de España a través da correspondencia.
“Feijóo envía cartas firmadas por el pero orientadas por Casado e por Vox”, incidiu Gonzalo Caballero, quen requiriu ao mandatario que se posicione sobre o veto parental imposto polos gobernos do seu partido coa ultradereita.
“Que aclare se o apoia”, esixiu o dirixente socialista, consciente de que se trata dun instrumento da ultradereita “para frear o avance social e criminalizar a educación pública”.