O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, desprazouse hoxe ata Verín nesta primeira xornada de folga dos profesionais de atención primaria para denunciar o “desmantelamento” da sanidade pública por parte da Xunta de Feijóo.
“Feijóo está enterrando a calidade da sanidade pública coas súas privatizacións e cos seus recortes, que implican un deterioro gravísimo deste servizo público”, incidiu o líder dos socialistas galegos, e denunciou tamén “un ataque continuo” de Feijóo contra o hospital de Verín que “non pode ser admitido”.
De feito, Gonzalo Caballero retou a Feijóo a ter “a coraxe política de vir a Verín a explicar aos veciños” os retrocesos nos servizos de pediatría, dermatoloxía, anestesia, coidados paliativos, traumatoloxía e cirurxía.
Ademais, o mesmo día no que o xerente da área sanitaria do Sergas abre a posibilidade de facer derivacións dende a provincia de Ourense a Vigo, o secretario xeral sinalou que se este xestor xa foi “nefasto” en Vigo onde xa foi rexeitado pola cidadanía viguesa.
“Feijóo trouxo para Ourense o que non valía para Vigo”, criticou Gonzalo Caballero antes de reclamar a Feijóo que “cambie ao xerente, ao conselleiro e a política sanitaria” porque “non pode dar as costas” a esta provincia. “Como Feijóo non cambia, haberá que cambiar a Feijóo”.
COMPROMISO SOCIALISTA COA SANIDADE PÚBLICA
Pola súa banda, o candidato do PSdeG á Presidencia da Xunta asegurou que “un goberno socialista na Xunta paralizará esta senda de recortes e privatizacións” na sanidade pública e devolverá a Verín a carteira de servizos que tiña no seu hospital.
De feito, recordou que foi o executivo liderado por Emilio Pérez Touriño o que converteu este centro, anteriormente en mans dunha fundación, en público.
“FEIJÓO ESTÁ VACIANDO VERÍN”
Pola súa banda, o alcalde de Verín, Gerardo Seoane, sinalou que “Feijóo está vaciando a nosa bisbarra”, posto que á “ausencia total de inversións” súmase o feito de que “cada día nos quita unha cousa”. É, como dixo, “o contrario do que hai que facer” para combater o devalo demográfico.
No caso do hospital, o rexedor afeou a Feijóo o desmantelamento do centro por “criterios ideolóxicos”. “Son máis partidarios das privatizacións que de atender á xente”, reprobou, ao tempo que amosou a súa confianza en que Gonzalo Caballero reporá os servizos perdidos cando sexa presidente da Xunta.