O dirixente socialista defende o papel do PSdeG na aprobación do Estatuto de Autonomía hai 40 anos e comprométese a “volver a impulsar” dereitos para a cidadanía galega
O PSdeG conmemora o 25 de xullo coa súa tradicional ofrenda a Castelao en Rianxo coa participación, entre outros, do exministro Francisco Caamaño
O PSdeG conmemorará, este domingo 25 de xullo, o Día de Galicia coa tradicional ofrenda floral á estatua de Castelao en Rianxo e, ao fío desta celebración, o máximo dirixente do PSdeG, Gonzalo Caballero, reivindicou hoxe a renovación do “compromiso galeguista e federalista” dos socialistas galegos cando “traballamos en Galicia, por Galicia e para Galicia”.
“O noso compromiso é cos galegos e coas galegas”, enxalzou o dirixente socialista, logo de subliñar que “a historia do PSdeG é tamén a historia de Galicia”. E por iso, sinalou, “o galeguismo ten que seguir impregnando ao socialismo galego cara os retos de futuro” e coa vista posta en “impulsar a reactivación e a reconstrución” de Galicia “para que ninguén quede atrás”.
Ao fío disto, o líder socialista destacou o “proxecto feminista, ecoloxista, federalista e de esquerdas” do PSdeG para “protexer aos galegos e galegas”. “É o momento de reafirmar ese galeguismo pola esperanza e o futuro no noso país”, sentenciou.
Con todo, Gonzalo Caballero puxo en valor que este ano se cumpren 40 anos do Estatuto de Autonomía e reiterou que, superada a pandemia, tocará abordar “o reto de actualizar” o Estatuto de Autonomía de Galicia para así “garantir novos dereitos para os galegos e galegas do século XXI”.
“Cómpre facelo para dar compromiso e esperanza ás novas xeracións de galegos e galegas que queren vivir nun modelo actualizado ao século XXI”, sentenciou.
O acto de Rianxo contará coa presenza do secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, e coas intervencións do catedrático de Dereito e exministro de Xustiza do goberno de España, Francisco Caamaño; da expresidenta do Parlamento de Galicia, Lola Villarino; do presidente do PSdeG e senador, Xoaquín Fernández Leiceaga; do presidente da Fegamp, Alberto Varela; da voceira de Cultura do Grupo Socialista na Cámara galega, Noa Díaz; así como da voceira socialista en Rianxo, María del Carmen Figueira.
A conmemoración do Día de Galicia rematará cunha actuación do cantautor galego Luis Emilio Batallán.