O secretario xeral subliña “a herdanza envelenada” que deixou o PP en materia enerxética e medioambiental fronte ao compromiso socialista e demanda “todos os avances posibles” para “defender o emprego en Galicia”
Madrid, 7 de febreiro de 2020. O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, mantivo unha xuntanza de traballo coa vicepresidenta de Transición Ecolóxica, Teresa Ribera, para poñer en valor a importancia de defender o medio ambiente e recoñecer o traballo do goberno de España. Así mesmo, sinalou a importancia de que a loita contra o cambio climático se faga “de forma xusta” coa “máxima atención e compromiso posibles” no emprego en Galicia.
Caballero sinalou que o goberno de Rajoy careceu de estratexia medioambiental e enerxética, e tócalle ao goberno de Pedro Sánchez corrixir esa herdanza e abordar os problemas. “Agora todo o mundo recoñece a gravidade do cambio climático pero o PP non fixo os deberes cando gobernaba”.
“Queremos unha Galicia verde e unha transición ecolóxica xusta co emprego”, sinalou o líder dos socialistas galegos, quen destacou que as cuestións relativas a Galicia están sobre a mesa do goberno progresista. Na etapa do PP, recordou, “nunca” houbo “a máis mínima preocupación” polas cuestións medioambientais nin se fixo unha axeitada planificación enerxética industrial.
Con este goberno, como apuntou o secretario xeral socialista, “en próximos días” sairá a exposición pública o estatuto das empresas electrointensivas. “Era un compromiso que se cumpre, un avance importante para o sector, pero hai que seguir traballando e pendentes dos plans da multinacional Alcoa, que ten que seguir comprometida coa planta de San Cibrao”, engadiu.
“Hai que seguir traballando coa prioridade do emprego, e manter a presión sobre unha empresa que recibiu axudas millonarias durante anos, e segue sendo a que máis recibe en axudas polo CO2”, incidiu Gonzalo Caballero, consciente de que o PP deixou “unha herdanza envelenada” tamén en cuestións enerxéticas.
Neste punto, censurou que Feijóo non reclamara ante o goberno de Rajoy medidas para garantir a viabilidade das empresas que requiren dun gran consumo enerxético para o seu funcionamento, “unha proba máis do seu cinismo político” e de que o seu interese nas cuestións galegas redúcese só “a unha estratexia partidaria de confrontación” co goberno de Pedro Sánchez.
“Agora ten que poñerse do lado dun goberno que atende ás necesidades das empresas e que se centra no mantemento do emprego, sen perder de vista a inescusable loita contra o cambio climático”, reclamou Gonzalo Caballero.
MANTEMENTO DO EMPREGO NAS PONTES
Tamén no que atinxe ao emprego, en relación ás Pontes, Gonzalo Caballero recalcou que o traballo do executivo coa empresa conlevou “a garantía do mantemento dos empregos” dos traballadores da central, así como que actualmente se estean facendo probas para a combustión combinada con outras fontes de enerxía. De feito, o goberno está comprometido e impulsou que se sigan facendo probas para buscar a viabilidade da empresa con outras fontes enerxéticas.
En paralelo, o máximo dirixente do PSdeG puxo en valor a importancia de incluír As Pontes nos plans de axudas para as bisbarras que contan con centrais termoeléctricas de carbón, a fin de combinar os procesos de descarbonización coa busca de novos proxectos enerxéticos e industriais.
“Seguimos pendentes e traballaremos por un convenio de transición ecolóxica xusta para As Pontes, e o goberno traballa e configurará a mesa cos actores involucrados”, sinalou Gonzalo Caballero.
LEI DE COSTAS
Ademais, no transcurso da xuntanza coa vicepresidenta, o responsable do PSdeG trasladoulle as “falacias” que está vertendo o PP galego, con Feijóo á fronte, sobre o regulamento e a lei de Costas.
Os textos normativos en vigor en materia de Costas, como confirmou a propia vicepresidenta, son a Lei e o Regulamento aprobados polo PP na etapa de Rajoy. “O PP tenta xerar alarmismo en algo no que toda a responsabilidade sería súa”, advertiu Gonzalo Caballero, toda vez que o goberno aplica a lexislación vixente e está concedendo todas as prórrogas de concesións de acordo á lei, sen que se detectara ningunha problemática real, senón simplemente “as mentiras dun PP que cre que todo vale”.