O líder do PSdeG esixe ao presidente da Xunta que destine os 93 millóns do fondo extraordinario do Estado para desenvolver un plan de fortalecemento do profesorado e garantías para o inicio do curso
O secretario xeral reclama a Feijóo que “dea a cara” en Ourense e o PP “pase á oposición” deixando gobernar a Rodríguez Villarino como única solución ao “caos” que provocaron poñendo a Jácome na alcaldía
O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, denunciou hoxe en Ourense que a Xunta “non fixo os deberes para o inicio do curso escolar”. No día do inicio do curso en Galicia, amosou a súa “perplexidade” polo desleixo do goberno galego, que “inicia o curso sen ter tomado ningunha decisión importante nin coa conselleira que había nin co novo conselleiro”.
O líder do PSdeG sinalou que Galicia comparte con Madrid a cola das comunidades autónomas no inicio do curso “pola inacción, deixadez e falla de xestión”, a pesares de que a Xunta “ten as competencias en educación”. De feito, recordou que os alumnos e alumnas de Galicia chegan ás aulas “sen a contratación extraordinaria de profesorado para baixar o rateo de alumnos e sen plan de dixitalización nin medidas para garantir máis espazo nos colexios”.
“Chegamos tarde e mal”, resumiu antes de dirixirse ao presidente da Xunta e ao conselleiro de Educación para que destinen os recursos procedentes do goberno de España, incluídos os 93 millóns de euros do fondo extraordinario, a un plan de fortalecemento e garantías do inicio do curso escolar.
En concreto, Gonzalo Caballero reclamou “máis profesores, mellores mecanismos de control, máis protocolos, un plan de dixitalización e un plan para nenos con necesidades educativas específicas”. “Os pais e nais estamos fondamente preocupados por un inicio de curso sen que a Xunta tomara ningunha decisión de reforzo, garantir os comedores, con problemas nas extraescolares nin protocolos de chegadas”, remarcou.
“ESPERPENTO EN OURENSE”
Así o dixo nunha visita a Ourense, onde compareceu xunto co portavoz municipal socialista, Rafael Rodríguez Villarino, para instar a Feijóo a que “dea a cara” e se “faga responsable” da situación de “caos municipal, crise institucional, esperpento e inacción” que xeraron na terceira cidade de Galicia. Nese contexto, Gonzalo Caballero esixiu ao PP que “pasen á oposición, purguen as súas responsabilidades, se desculpen e deixen gobernar á lista máis votada”, a encabezada polo PSdeG.
O secretario xeral instou ao presidente do PPdeG a “sentarse xunto con Baltar e Jácome, explicar que é o que fixeron e darlle unha solución á cidade”, logo de acadar un “acordo para poñer á fronte da cidade unha solución letal”. Lembrou así os adxectivos que o propio Feijóo lle dedicaba a quen despois apoiarían como alcalde a cambio de garantir a presidencia de Baltar na Deputación.
“Teñen que explicar o pacto da indignidade e contra natura para manter ao caciquismo na Deputación Provincial” a costa de levar á capital da provincia “a este nivel de inacción esperpento e caos”, incidiu, ao tempo que subliñou que “a cidadanía de Ourense merece unha desculpa e algo distinto deste esperpento”.
“UN GOBERNO CON CAPACIDADE”
O líder dos socialistas galegos reclamou ao presidente da Xunta “que respecte á cidade de Ourense e á súa cidadanía e saque á cidade do caos e crise municipal” posibilitando un “goberno con capacidade de xestión” encabezado por Rafael Rodríguez Villarino.
Engadiu que “todos aqueles que non teñan claro que, para darlle solucións a Ourense, hai que poñer a Rafael Rodríguez Villarino á fronte da alcaldía son cómplices do que está ocorrendo en Ourense e de que Jácome manteña o caos municipal”.
Tras recordar que o PSdeG foi a candidatura máis votada en Ourense nas pasadas eleccións municipais, Gonzalo Caballero sinalou ao presidente da Xunta como responsable dun acordo “que buscaba como prioridade manter ao caciquismo nunha deputación instalada nas prácticas históricas do PP, e intentando mercar vontades a través de acordos en concellos como Castrelo do Miño ou Viana do Bolo”. “Baltar é a man que mece a cuna en todas as operacións desta provincia”, remachou.
Así pois, o máximo dirixente do PSdeG chamou a “retirar todo este caciquismo”, e instou ao presidente da Xunta a que “explique que intereses económicos, urbanísticos e doutra índole ten o PP para que o alcalde que hai un ano lles valía agora xa non lles vale” e “que lles ofrecen aos concelleiros de DO para chegar a este esperpento”.