O secretario xeral do PSdeG suliña que os cidadáns “merecemos un goberno mellor” e recalca que é necesario “un cambio de ciclo político”
Vigo/Santiago, 25 de maio de 2018. O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, manifestou hoxe o seu respaldo á decisión do Partido Socialista de rexistrar unha moción de censura contra Mariano Rajoy, o líder dun partido “inundado pola corrupción”, como puxo en evidencia a sentenza do caso Gürtel.
“Os cidadáns merecemos un goberno mellor”, defendeu Gonzalo Caballero, á vista dun fallo da Audiencia Nacional que condena ao propio PP xunto a decenas de dirixentes populares. “Foi unha labazada ao PP”, resumiu o líder dos socialistas galegos.
Fronte a iso, recalcou que España “necesita un novo goberno” con “un proxecto de progreso” e apoiou que sexa Pedro Sánchez quen encabece “un cambio de ciclo político”. “Os socialistas galegos respaldamos plenamente a decisión de liderar un goberno de progreso para España”, finalizou o secretario xeral do PSdeG.
Pola súa banda, o presidente do PSdeG e voceiro no Parlamento, Xoaquín Fernández Leiceaga, reclamou unha explicación do presidente da Xunta ante a Cámara para dar conta das consecuencias da sentenza da Gürtel.
“Resulta especialmente dura e preocupante para o PP, non só porque está condenado como partícipe a título lucrativo” da trama Gürtel, sinalou Fernández Leiceaga, senón pola gravidade de que declara probado “que hai unha estratexia institucionalizada de corrupción na que está presente o PP e que o presidente do goberno non foi crible para o tribunal”. “”Son cuestións de extrema gravidade”, agregou.
Por estes motivos, emprazou aos órganos federais do partido a “establecer os contactos pertinentes” para que a moción de censura presentada hoxe “saia adiante”.