Acudiu hoxe á Cámara para acreditarse coma deputado tras dous anos compatibilizando a súa profesión como profesor universitario e secretario xeral do PSdeG
Santiago, 17 de xullo de 2019. O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, requiriu hoxe ao presidente da Xunta que “aclare” a data na que ten previsto convocar as eleccións autonómicas, despois de tres anos que se caracterizaron polas súas dúbidas sobre se marchaba ou non para Madrid.
“Que nos diga con claridade se vai haber eleccións autonómicas a final de lexislatura, ou baralla outras alternativas”, recalcou Gonzalo Caballero tras acudir á Cámara para acreditarse como deputado despois de case dous anos compatibilizando a súa profesión como docente universitario e secretario xeral do PSdeG.
“Nós estamos preparados para calquera escenario”, aseverou o líder dos socialistas galegos, para urxir a Feijóo que clarifique se está en condicións de concluír o ano que queda de mandato “con dignidade e coa responsabilidade que merece o cargo”.
“Que respecte a opinión de moitos galegos que non lle deron o seu apoio ao PP, e que deixe de xogar ás promesas a longo prazo”, recalcou Gonzalo Caballero, á vista de que en apenas uns meses os galegos terán nas súas mans decidir quen dirixirá a sanidade, a demografía ou o turismo.
En paralelo, o secretario xeral do PSdeG reclamou a Feijóo que “non deixe pasar un día máis sen facer dimitir á Valedora do Pobo”, toda vez que a institución “segue ensuciada por unha sentencia xudicial” que amosou unha contratación irregular que “mancha” ao PP e máis ao órgano estatutario.
“UNHA NOVA ETAPA”
No que atinxe á súa entrada no Parlamento, Gonzalo Caballero explicou que “hai case dous anos fun elixido secretario xeral para abrir unha nova etapa no partido” coa finalidade de “abrir un novo tempo político en Galicia”.
Dentro dese obxectivo, e cumprindo o compromiso feito durante as primarias, compatibilizou a súa vida profesional como docente coa vida política, “para amosar que un chega á política coa vida resolta e para facer un servizo público”. “O cargo político vai detrás de calquera outra prioridade e detrás do interese colectivo”, resumiu.
Durante eses primeiros dous anos, engadiu, fixo “un traballo intenso” no partido e “de cara á sociedade” para amosar que “o PSdeG é a alternativa real para o futuro de Galicia”. “E neste tempo avanzamos posicións, consolidamos ao PSdeG como a opción para a alternancia en Galicia”, subliñou Gonzalo Caballero.
Agora, profundou, chega á Cámara como consecuencia da renuncia ao escano de Abel Losada, agora en tarefas de goberno no Concello de Vigo.
“Cos tempos que se foron dando, sen buscar un atallo para ocupar un cargo, estamos en condicións de dar a Galicia un goberno progresista, de esquerda e de futuro”, concluíu, consciente de que a maioría parlamentaria que hoxe ten Feijóo non se corresponde coa nova maioría social que emerxeu nas urnas nas tres últimas convocatorias electorais.