O secretario xeral do PSdeG esixe a Feijóo que “rectifique” o seu “fracaso” e avanza a creación dun think tank do que sairán “as mellores ideas” para o desenvolvemento de Galicia
Santiago, 18 de xaneiro de 2018. O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, defendeu hoxe a necesidade de aproveitar o crecemento da economía para “reactivar e dinamizar” a comunidade e que a saída da crise chegue a todos os galegos; unha materia que Feijóo ten “suspensa” porque “só se adica a axustar contas” no canto de deseñar “unha política económica ao servizo do país”.
No transcurso dun almorzo con xornalistas, o líder dos socialistas galegos puxo o foco en que é o momento de que Feijóo “rectifique” o “fracaso” da súa política económica e comence a traballar para sacar adiante outra “máis efectiva”.
“Está centrado na cuestión facendística, coa consolidación fiscal e o axuste de contas como único leit motiv”, sinalou, e criticou unha política de emprego “sen rumbo” que deixa tras de si “emprego precario e baixos niveles salariais” e que deriva en que “o mellor escenario” para moitos galegos sexa chegar a ser “mileurista”.
Fronte a iso, Gonzalo Caballero mostrouse partidario de fomentar a actividade industrial, de apostar polo I+D+i e de impulsar a Galicia interior, co obxectivo en mente de “mellorar a calidade de vida dos galegos”.
Convencido de que cómpre que o crecemento sexa “perceptible e real” para as familias galegas, avanzou unha liña de traballo para “impulsar” ese cambio na política económica da Xunta. Así é que anunciou o cumprimento dun dos compromisos cos que gañou as primarias do PSdeG: a creación dun think tank do que sairán “as mellores ideas” e se poñerán “ao servizo do país”.
LABORATORIO DE IDEAS
Presentarase, como dixo, en breves datas, e nel terá especial protagonismo o “eixo económico”. “O PSdeG vai liderar os plantexamentos para a Galicia do futuro”, proclamou Gonzalo Caballero.