O secretario xeral do PSdeG-PSOE, Gonzalo Caballero, reclamou hoxe unha política “de país” na defensa do patrimonio natural e medioambiental de Galicia e que supere o “abandono” e o “fracaso” das políticas do PP e de Feijóo. Así o dixo durante unha concentración na defensa do Patrimonio Natural de Galicia, convocada en Vigo polos axentes forestais e medioambientais.
Caballero encabezou a delegación de cargos públicos e orgánicos dos socialistas galegos que participaron na manifestación de hoxe, na que trasladaron o seu “compromiso pleno coa defensa do patrimonio natural e da riqueza forestal galega”. O líder dos socialistas galegos lembrou que o medio natural galego constitúe un “elemento substancial” do país e “fundamental para o equilibro territorial e o desenvolvemento integral” de Galicia.
Explicou que os socialistas galegos teñen situado nun lugar prioritario o coidado, mantemento e revitalización do medio natural, logo do abandono de Feijóo e do PP e do fracaso nas políticas forestais do goberno galego. Reivindicou así “unha nova folla de ruta que coide do noso medio natural, dos nosos montes e dos nosos bosques e que garanta a súa sostenibilidade a longo prazo”.
Neste sentido lembrou as 100 propostas presentadas polos socialistas galegos na Comisión de Política Forestal, dirixidas a rectificar a política forestal e medioambiental da Xunta de Galicia. Chamou así ao consenso entre as forzas políticas para mudar unha política forestal “errada” desenvolta polos gobernos conservadores en Galicia.
Axentes forestais
O máximo responsable dos socialistas galegos amosou hoxe o seu respaldo ao colectivo de axentes forestais e medioambientais de Galicia na demanda de maior atención por parte do goberno da Xunta en materia laboral e no reforzo dos medios insuficientes para cumprir cunha función fundamental ao servizo do medio ambiente de Galicia.
Lamentou que o goberno galego “prefira buscar culpables cando se producen os incendios antes que chegar a acordos para dotar de medios e rematar co conflito laboral cun corpo duns 500 traballadores que son a columna vertebral da prevención e a loita contra o lume forestal”.