O líder dos socialistas galegos mantén un encontro coa futbolista galega Paula Dapena, ameazada nas redes sociais logo de negarse a participar dunha homenaxe ao futbolista Maradona
Os socialistas galegos presentarán unha serie de iniciativas parlamentarias de apoio á deportista galega
O portavoz do Grupo Socialista, Gonzalo Caballero, reivindicou hoxe a “liberdade de facer bandeira da defensa dos dereitos das mulleres sen medo a represalias”. Así o dixo logo de manter un encontro coa futbolista pontevedresa Paula Dapena, á que lle trasladou a solidariedade dos socialistas galegos logo das ameazas que ten recibido a través das redes sociais despois de negarse a participar dunha homenaxe a Maradona.
“Non podemos consentir nin insultos nin amenazas”, subliñou o líder do PSdeG, quen reclamou “respecto” para a deportista galega.
O responsable socialista sinalou “o criterio e a personalidade” amosados pola futbolista, e defendeu “unha sociedade tolerante e democrática” na que “tanto Paula Dapena coma calquera persoa poida homenaxear ou non ao futbolista arxentino en liberdade sen medo a sufrir nin padecer ningún tipo de represalia”.
Pola súa banda, Dapena chamou á “mobilización das mulleres na defensa dos nosos dereitos para conseguir a igualdade real” logo de constatar que “un xesto tan pequeno dunha soa persoa tivo tanta repercusión”. Animou a “reivindicar sen medo” os seus dereitos para que a sociedade “avance moito máis apresa”.
Iniciativa parlamentaria
O Grupo Socialista presentará unha serie de iniciativas parlamentarias en apoio e solidariedade coa deportista galega logo deste encontro no que tamén participaron as portavoces de Igualdade e Xustiza, Noa Díaz e Paloma Castro, logo das ameazas por negarse a participar nun minuto de silencio polo futbolista arxentino.
Os socialistas galegos consideran as ameazas unha “agresión a unha futbolista que non fixo máis que transmitir unha reivindicación feminista en exercicio do seu dereito á liberdade de expresión”, e que ten sido parabenizado por multitude de asociacións feministas que traballan no eido das violencias machistas”.