O secretario xeral destaca o “avance económico” liderada polo PS e contrapón a aposta polo “benestar social” cos “recortes” postos en marcha na dereita de Rajoy e Feijóo
Chaves, 25 de abril de 2018. O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, reivindicou este mércores en Chaves os “lazos fraternais” que unen Galicia e Portugal momentos antes do inicio dos actos de conmemoración do XLIV aniversario da Revolución dos Cravos.
De feito, tras ser recibido polo presidente da Cámara Municipal de Chaves, Nuno Vaz, agradeceu a oportunidade de poder estar “nunha data tan sinalada” como a que recorda a “revolución pacífica” que serviu para “conquistar a liberdade” no país veciño.
Neste contexto, o líder dos socialistas galegos tivo palabras tamén para o “avance económico” que está vivindo Portugal baixo o liderado do PS de António Costa, pois está sendo quen de apostar polo “crecemento inclusivo” e de conxugar o cumprimento das normas financeiras co aumento do benestar social.
Proba desa “política distinta” á que está poñendo en marcha a dereita en España e Galicia, como sinalou Gonzalo Caballero, é a baixada do desemprego en Portugal mentres as pensións e os salarios suben, o que permite “mellorar a calidade de vida” dos lusos.
“Fronte á política de recorte de dereitos e de servizos públicos de Rajoy e de Feijóo, os socialistas dicimos que existe outro xeito de gobernar”, subliñou o secretario xeral do PSdeG, quen sinalou que Portugal é hoxe “un referente” das políticas de esquerda para moitos países da contorna europea.
Centrado no ámbito municipal, e en presencia de Nuno Vaz, Gonzalo Caballero destacou que o feito de que o PS recuperase a Cámara Municipal de Chaves 16 anos despois é a mostra de que os cidadáns valoran as políticas socialistas, que antepoñen o “benestar” e o “progreso” dos cidadáns aos “meros axustes contables”.