O secretario xeral do PSdeG critica “o cinismo da dereita”, que fixo “aparecer os fondos” para subir as pensións “polos seus equilibrios de goberno”
Pontevedra, 26 de abril de 2018. O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, visitou esta mañá as instalacións de Amencer-Aspace, unha entidade que traballa con persoas con parálise cerebral, para coñecer de primeira man tanto a súa actividade como as súas necesidades.
Ante a “importante desigualdade social e económica” froito de tres lexislaturas de goberno da dereita en Galicia, o líder dos socialistas galegos puxo en valor o traballo que fan asociacións como Amencer-Aspace, que o próximo ano sumará ós seus locais en Pontevedra e Vilagarcía outro en Vigo.
Nese senso, tras esgrimir o “compromiso social” do PSdeG como elemento que “nos distingue” doutras formacións políticas, Gonzalo Caballero recordou que os dereitos sociais e a igualdade de oportunidades teñen que ser garantidas polo Estado, e sinalou como “imprescindible” que as administracións públicas “colaboren co terceiro sector”.
“Onde gobernamos os socialistas, temos que manter esa prioridade; e, onde non, poñer na axenda esta labor, que é o máis digno que pode existir nunha sociedade: traballar para mellorar as condicións de vida de quen non pode valerse por si mesmo”, puxo en valor Gonzalo Caballero.
Trala visita, que realizou en compañía de membros da dirección local e do grupo municipal do PSOE en Pontevedra, ademais de integrantes da Comisión Executiva Nacional Galega e do Grupo Parlamentario Socialista, o secretario xeral sinalou como “referente” a Amencer-Aspace no traballo con persoas con parálise cerebral.
NECESIDADES DE AMENCER
Pola súa banda, a xerente de Amencer-Aspace, Mónica Touriño, agradeceu a visita dos socialistas e detallou que actualmente esta entidade atende a cerca de 90 persoas en Pontevedra e de 30 en Vilagarcía.
Entre as súas necesidades máis perentorias está a renovación dos medios de transporte, a ampliación das instalacións de Vilagarcía e a apertura dunha residencia en Pontevedra.
SUBA DAS PENSIÓNS
Sen abandonar o ámbito social, Gonzalo Caballero cargou contra “o cinismo” amosado pola dereita ao comprometer agora a revalorización das pensións conforme ao IPC para tentar sacar adiante os orzamentos xerais do Estado, cando hai dous meses argumentaba que non había cartos para facelo.
“Evidencia que era posible e que só era unha cuestión política”, manifestou o líder dos socialistas tras cuestionar que faga “aparecer os fondos” para subir as pensións só “polos seus equilibrios de goberno”.
E, despois de recordar que centos de milleiros de persoas, cos socialistas á fronte, saíron á rúa en toda España para reclamar algo que é “necesario”, o secretario xeral do PSdeG esixiu que se blinde “por lei” a suba das pensións co IPC.