Nunha xuntanza coa militancia do PSdeG, o secretario xeral lamenta que o rural “está esmorecendo coa inacción nas políticas do goberno de Feijóo”
O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, mantivo hoxe en Riós (Ourense) unha xuntanza coa militancia na que estivo xunto ao subdelegado do goberno en Ourense, Emilio González Afonso; o alcalde de Verín, Gerardo Seoane; o secretario provincial, Rafael R. Villarino; o deputado Juan Carlos Francisco; o voceiro do PSdeG en Riós, Daniel Caneiro; e a concelleira de Riós, Marina Paz; entre outros.
“Precisamos un impulso da Galicia interior con mellores infraestruturas, servizos públicos e medidas que fomenten o emprego”, reivindicou o máximo dirixente socialista logo de manter unha xuntanza coa militancia do PSdeG da contorna.
Ao fío disto, o líder socialista sinalou que “é necesario tomar medidas urxentes para frear a despoboación cando a Galicia rural está esmorecendo coa inacción nas políticas do goberno de Feijóo”.
“Se queremos que a xente nova quede nos concellos do interior de Galicia, precisamos un rural vivo no que se garanticen as mesmas condicións de vida que teñen as persoas que viven nas cidades galegas”, sentenciou Gonzalo Caballero.
Por todo isto, instou ao goberno galego a levar a cabo “unha discriminación positiva co rural” que permita “que toda a cidadanía” teña os mesmos servizos básicos independentemente de onde resida”.