O líder dos socialistas galegos chama a “defender á saúde” pero con medidas proporcionadas e pide “protocolos efectivos de protección e axudas económicas” para a hostalería
O portavoz do Grupo Socialista, Gonzalo Caballero, reclamoulle hoxe ao presidente da Xunta que “poña enriba da mesa a blindaxe de Galicia” na próxima fin de semana, que coincide coa ponte da Constitución. O responsable socialista chamou a “defender a saúde” e frear as entradas e saídas de Galicia dende outras autonomías con cifras semellantes ás que manteñen áreas galegas que si están confinadas.
O líder dos socialistas galegos ratificou o “respecto e apoio” do Grupo Socialista ás decisións do Comité Clínico, e engadiu que “a blindaxe de Galicia debe ser estudada e avalada dende o goberno galego”. Advertiu a súa estrañeza pola posibilidade de viaxar a Baiona ou Cedeira dende outras localidades do Estado, pero “non dende Vigo nin dende Ferrol” por decisión do goberno galego.
Gonzalo Caballero marcou distancia fronte ao confinamento “duro” da poboación que defenderon os nacionalistas galegos pero considera “coherente blindar Galicia” fronte á chegada de visitas procedentes doutras latitudes con altos niveis de risco. Considerou “contraditorio que se peche a fronteira con Portugal” mentres se abre a man a “entradas a Galicia dende outras Comunidades Autónomas con focos da pandemia”.
O portavoz do Grupo Socialista reclamoulle á Xunta que active e garanta “protocolos de protección na hostalería” para que poidan retomar a actividade paulatinamente nun sector no que, lembrou, “aínda non chegou un só euro de axudas efectivas dende a Xunta”.