Avanza que os socialistas levarán mocións a todos os concellos para urxir a Facenda as medidas necesarias para que o superávit municipal poida poñerse “o máis axiña posible” a disposición da cidadanía
Vigo, 5 de marzo de 2018. O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, reclamou este luns no Círculo de Empresarios de Galicia “unha nova política económica” para a nosa comunidade, ao tempo que urxiu “solucións” para o medio rural e esixiu converter a política social nunha “prioridade”.
Baseándose neses tres grandes eixos, o líder dos socialistas galegos chamou a “redimensionar a política” para dar a Galicia “un pulo” que está perdendo tanto en termos de demografía como de capacidade industrial, de calidade dos servizos públicos e de oportunidades de futuro.
Nese senso, defendeu que, para converter a Galicia nunha comunidade “próspera”, a Xunta ten que aproveitar o “pulo” das urbes. “Pero cremos que existe falta de capacidade”, observou o economista, sen deixar de demandar “unha política económica activa” que recolla o maior dinamismo das áreas urbanas do arco atlántico.
En paralelo, reprobou “a falta de sensibilidade municipal” que ten demostrado Feijóo ao cuestionar o acordo impulsado polo alcalde de Vigo e presidente da Federación Española de Municipios e Provincias, Abel Caballero, para que os concellos poidan utilizar o seu superávit.
É máis, Gonzalo Caballero avanzou que os socialistas levarán mocións a todos os concellos para urxir ao Ministerio de Facenda que dispoña as medidas necesarias “o máis axiña posible” para que eses fondos poidan utilizarse en beneficio dos veciños.