Destaca a Lei de Igualdade Salarial que propón o PSOE para poñer fin á fenda salarial entre homes e mulleres
Vigo, 4 de febreiro de 2018. O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, participou hoxe na manifestación feminista que tivo lugar este sábado en Vigo e dende alí reclamou a Feijóo que dea “un paso adiante” en prol da igualdade e promova os paros do Día Internacional da Muller, o próximo 8 de Marzo.
“É esperpéntico que sexa Baltar quen se sitúe á vangarda dentro do PP”, ironizou o líder dos socialistas galegos, quen reivindicou o “compromiso feminista” do PSOE.
De feito, como destacou, “os grandes avances nos dereitos da muller” chegaron da man dos socialistas no goberno.
Ademais, segundo recordou Gonzalo Caballero, agora estamos “tomando a iniciativa” coa proposición de Lei de Igualdade Salarial que aspira a erradicar a fenda existente e, con iso, a impedir que as prestacións de desemprego e as pensións sigan sendo máis baixas para as mulleres.
“Reclamamos igualdade real entre mulleres e homes”, afondou, e chamou a tomar “todas as medidas necesarias” para conseguir “algo que é de xustiza”, como que todas as persoas teñan os mesmos dereitos económicos, sociais e políticos.