O secretario xeral do PSdeG demanda á Xunta “interlocución” e protocolos para un sector que “é moi importante para a economía de moitas familias” que “teñen que chegar a fin de mes”
O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, e a voceira de Comercio do Grupo Socialista, Leticia Gallego, mantiveron hoxe unha xuntanza co presidente da asociación de Servizos de Festas de Galicia (SERFEGA) para abordar as inquedanzas do sector.
“Hai que dar axudas directas ao sector das festas para que poidan sobrevivir porque en Galicia non podemos deixar a ninguén na cuneta”, reivindicou Gonzalo Caballero.
Por iso, “é necesario que a Xunta de Galicia se converta en aliado dos sectores máis afectados pola pandemia, que lles dea interlocución, axudas e posibilidades para subsistir e tamén para poder desenvolver a súa actividade sempre que existan os protocolos necesarios para combater o virus”, urxiu o dirixente socialista.
Neste senso, Gonzalo Caballero cualificou o papel do sector das festas en Galicia como “moi importante para a economía de moitas familias”, polo que, “mentres non se lles permite ter actividade, hai que poñer fondos nas súas mans” porque “teñen que sobrevivir eles, os seus empregados e as súas familias”. “Teñen que chegar a fin de mes”, subliñou.
“Cando estamos nunha gran crise, a administración autonómica non lle pode dar ás costas aos sectores mais afectados”, advertiu o dirixente socialista. “Ten que reunirse con eles, establecer protocolos para que, cando se dean as circunstancias sanitarias oportunas, se poidan desenvolver os eventos con todas as garantías”, reivindicou.
A XUNTA “TEN UNHA CANTIDADE INXENTE DE FONDOS PÚBLICOS”
Nesta liña, o líder do PSdeG sinalou que a Xunta “ten unha inxente cantidade de fondos públicos” grazas a máis de 1.100 millóns de euros extraordinarios que o goberno de España transferiu aos orzamentos da Xunta de Galicia para abordar as circunstancias derivadas da pandemia.
Ademais, lembrou que o goberno galego dispón de 115 millóns de euros que foron ao fondo da comisión de reactivación para os que o PSdeG formulou “unha serie de programas” que permitisen outorgar novas axudas aos sectores máis afectados pola covid que non recibiron axudas nos paquetes anteriores, como é o caso do sector das festas.
SERFEGA: “A XUNTA TEN UN PROTOCOLO ANTIFESTAS”
Doutra banda, o presidente de SERFEGA, José Veiga, censurou a falla de interlocución da Xunta de Galicia cando “non nos escoita” e tampouco “aos galegos que queren festas seguras”.
“Queremos protocolos. Prometérono, pero non o fan, e non se nos permite traballar cos protocolos do ocio nocturno”, lamentou. “A Xunta ten un protocolo antifestas”, sentenciou, crítico tamén con que a Xunta está poñendo “trabas aos concellos” para celebrar festas.
É por iso que o responsable de SERFEGA pediu á Xunta “axudas” que permitan paliar a inactividade no sector. “Vólcanse moito no Xacobeo, pero as festas están en cada recuncho de Galicia”, concluíu.