O líder socialista contrasta que a Xunta está cos “brazos caídos” mentres nas próximas semanas chegan desde o goberno de España 200 millóns de euros en axudas directas para pequenas empresas e autónomos galegos
Santiago, 9 de maio de 2021. O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, defendeu hoxe que a Xunta ten que actuar para favorecer a reactivación económica de Galicia cando comezamos a camiñar cara á nova normalidade.
Así, o líder socialista reclamou ao goberno galego a posta en marcha “dun plan de reapertura dos pequenos negocios que tiveron que pechar por mor da pandemia”.
“A Xunta non pode seguir de brazos caídos: as pequenas empresas e os autónomos necesitan respaldo para poder reabrir, xerar emprego e posibilitar que as familias teñan ingresos mes a mes”, reivindicou Gonzalo Caballero.
De feito, contrastou esa “actitude pasiva” da Xunta coa actuación do goberno de España, que destina aos pequenos negocios de Galicia máis de 200 millóns de euros en axudas directas.