O líder socialista traslada aos traballadores todo o respaldo e insta a un gran acordo entre as administracións para favorecer o emprego industrial en Ferrolterra
O secretario xeral reclama política industrial e que “non se dea por pechada a planta” para atopar “unha alternativa” ao despido de 215 traballadores de Siemens
Santiago, 12 de xaneiro de 2021. O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, reclamou hoxe á Xunta que manteña as negociacións con Siemens Gamesa tralo seu anuncio de peche da planta das Somozas, o que suporía o despido de 215 traballadores.
A Xunta, como recalcou o líder do PSdeG, ten que “implicarse full time” na busca dunha solución, porque “ten todas as competencias para facelo” con base no Estatuto de Autonomía de Galicia. A Xunta ten competencias económicas e industriais plenas de acordo ao Estatuto e a Consellería de Economía da Xunta ten que buscar solucións para esa planta e os seus traballadores.
Máxime, dixo Gonzalo Caballero, logo de máis dunha década sen poñer en marcha “unha auténtica política industrial” que está tendo como consecuencia “a desertificación industrial” de Galicia.
Ademais, o máximo dirixente dos socialistas galegos requiriu a Feijóo que “non dea por pechadas as negociacións” con Siemens Gamesa, a fin de tentar atopar “unha alternativa” ao peche. Sobre todo, tal e como sinalou Gonzalo Caballero, á vista das posibilidades que se abrirán no desenvolvemento do sector eólico e tamén da afectación que o peche terá nunha bisbarra tan castigada neste eido como é a de Ferrolterra.
O secretario xeral instou tamén ao goberno de España a facer todo o posible na busca de solucións: o goberno de España debe manter a súa oferta de colaboración total e buscar conxuntamente coa Xunta opcións de futuro para os traballadores.
Finalmente, Gonzalo Caballero trasladou aos traballadores todo o respaldo do PSdeG e instou a un gran acordo a todas as administracións para favorecer o emprego industrial en Ferrolterra.