O secretario xeral do PSdeG insta á Xunta a poñer en marcha un plan de industrialización da Mariña, que aposte polo sector e polo emprego na bisbarra
O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, amosou a súa solidariedade e compromiso cos 115 traballadores afectados polo peche de Vestas en Viveiro, unha noticia feita pública hoxe sen que se coñeza implicación da Xunta.
“A Xunta ten as competencias en política industrial, pero a súa única política é a inacción”, subliñou o líder do PSdeG, quen recordou ao goberno galego que “hai máis de 100 traballadores de Vestas agardando algún tipo de solución” por parte do executivo autonómico.
“Fai falla un goberno galego que asuma as súas competencias e que aposte polo futuro de Galicia”, incidiu o dirixente socialista, crítico co feito de que a Xunta non tome medidas para articular alternativas ao peche dunha planta que leva máis de 20 anos na Mariña lucense.
Ao fío disto, Gonzalo Caballero volveu requirir á Xunta un plan para a industrialización da Mariña, que aposte por novos proxectos industriais para xerar emprego nesta bisbarra lucense.