O secretario xeral urxe un cambio na política de persoal logo de que o Sergas rectificase a rescisión de contratos temporais de enfermeiras que atenden o coronavirus en Santiago
Santiago, 17 de abril de 2020. O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, reclamou hoxe á Xunta “unha nova política sanitaria” que, no camiño de “fortalecer” o sistema público, “ofreza contratos laborais estables e dignos a todos os profesionais dispoñibles en Galicia”.
“Pedímosllo hai un mes á Xunta, ao inicio desta crise, e non se fixo”, recalcou o líder dos socialistas galegos, quen fixo fincapé en que, transcorrido máis dun mes dende o decreto do estado de alarma, “hai que facelo xa”, incorporando de xeito estable a médicos e médicas, enfermeiros e enfermeiras, auxiliares de enfermería e celadores.
“A crise do covid-19 vai ter distintos ciclos e vai ir evolucionando no futuro con distintas intensidades, e temos que estar preparados para calquera escenario”, argumentou Gonzalo Caballero, dende o convencemento de que “máis sanidade pública é a mellor resposta”.
“Ademais dos aplausos de cada día ás oito da tarde, os profesionais teñen que ter un recoñecemento laboral e os complementos adecuados para o traballo en situación de risco que están facendo”, esgrimiu o máximo dirixente do PSdeG, para requirir “unha nova política de persoal” no Sergas.
De feito, Gonzalo Caballero sinalou que “é inaceptable” que se chegara a comunicar ás enfermeiras que atenden os casos de coronavirus en Santiago a rescisión dos seus contratos, unha decisión que o Sergas tivo que rectificar ante as denuncias dos sindicatos e dos colectivos de traballadores.
IMPORTANCIA DO SISTEMA PÚBLICO
“A sanidade pública é a bandeira que temos para defendernos a todos e á nosa saúde, máxime nunha situación de tanto risco como a que estamos vivindo”, subliñou o secretario xeral do PSdeG.
Non en van, Gonzalo Caballero sinalou que toda a cidadanía é hoxe “máis consciente que nunca da importancia do sistema público de saúde” e “do traballo que fan os profesionais sanitarios en hospitais, PACs e centros de saúde”.