O secretario xeral reúnese co reitor da UVigo e reivindica a subida das becas decidida polo goberno de Pedro Sánchez como mostra do “compromiso coa universidade pública” dos socialistas
Vigo, 17 de xullo de 2018. O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, mantivo este martes unha xuntanza co reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa, dentro da rolda de contactos que está mantendo cos distintos representantes institucionais. No caso do reitor na universidade na que el mesmo segue traballando, ambos abordaron a situación desta institución e de todo o sistema universitario galego.
Ao termo do encontro, Gonzalo Caballero explicou aos xornalistas que comparte “amplamente o diagnóstico” sobre as universidades públicas galegas que ten feito o reitor, a quen agradeceu o recibimento. Pola súa banda, Reigosa celebrou poder abordar “cun compañeiro”, que é o líder dos socialistas galegos, as “inquedanzas” da universidade que lidera dende o pasado mes de xuño.
En canto á situación das universidades públicas galegas, o máximo representante do PSdeG aludiu ao “avellentamento dos seus profesores” e, como proba, esgrimiu que el mesmo, con 43 anos, é o profesor funcionario “máis novo” do seu departamento, na Facultade de Económicas e Empresariais.
Polo tanto, Gonzalo Caballero sinalou que “a fenda de idade” existente é “moi preocupante, porque dificulta a chegada de novo pensamento, novas ideas e reflexións e novos proxectos de investigación”. Así é que reclamou á Xunta que traballe pola incorporación de docentes e investigadores “máis novos” que poidan “nutrir de novos coñecementos, e de coñecementos máis vangardistas” ás universidades públicas.
“É necesaria unha renovación xeracional e cremos que a Xunta, respectando a autonomía universitaria, ten que ter capacidade para desenvolver novos programas de captación de talento e para revitalizar outros que funcionaban, como os Parga Pondal”, defendeu o dirixente socialista, antes de facer fincapé na necesidade de internacionalizar o alumnado.
“OPORTUNIDADE DE FUTURO”
En concreto, Gonzalo Caballero explicou que atraer alumnado doutros países, nomeadamente de Latinoamérica, permitirá tanto “enriquecer a universidade” como combater o devalo demográfico que padece Galicia. “É unha oportunidade de futuro”, resaltou, consciente tamén do reto que teñen por diante as universidades para alcanzar un número determinado de alumnos matriculados.
Nese senso, o secretario xeral do PSdeG demandou que a Xunta “ten que intensificar a súa acción de política exterior e de conexión con distintos ámbitos universitarios do resto do mundo” e xerar “mecanismos de incorporación” para que o alumnado estranxeiro poida “formarse” e “contribuír á Galicia do futuro en caso de que decida quedarse” nesta comunidade.
“COMPROMISO”
Finalmente, o dirixente socialista puxo en valor o “compromiso coa universidade pública nítido e claro” que ten o seu partido, como proba o feito de que o goberno de Pedro Sánchez teña anunciado xa unha subida na contía das becas para os estudantes con menor poder adquisitivo.
“Cremos na educación pública como vía fundamental para a igualdade de oportunidades”, destacou Gonzalo Caballero, quen saudou que medidas deste tipo “van na liña correcta de desenvolvemento dunha etapa de progreso” ao “potenciar o acceso á universidade para todos os cidadáns” con independencia das súas capacidades adquisitivas.