O líder do PSdeG insta á Xunta a potenciar o termalismo e desenvolver a política industrial “para impulsar a actividade económica en tempos de reactivación”
O alcalde de Caldas reclama á Xunta “maior implicación” no que atinxe á sanidade e á educación públicas
O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, reclamou hoxe a Feijóo que “se comprometa cos concellos pequenos e que traballe na defensa dos galegos e das galegas” en igualdade de condicións independentemente do seu lugar de residencia.
“É hora de que Feijóo mude o seu antimunicipalismo”, sentenciou o máximo dirixente das e dos socialistas galegos, quen reclamou a Feijóo “que deixe de dar ás costas aos concellos”. Neste senso, Gonzalo Caballero reclamoulle á Xunta que estea “á altura das circunstancias” e responda do compromiso que lle requiren os pequenos concellos en eidos como a sanidade e a educación públicas e as políticas sociais.
Aproveitando a súa visita a Caldas de Reis acompañado do alcalde, Juan Manuel Rey, o líder do PSdeG requiriu ao goberno galego que aposte neste concello por potenciar o termalismo e por desenvolver un polígono industrial “que dea futuro” e “prosperidade” á contorna, xa que “son elementos fundamentais para impulsar a actividade económica en tempos de reactivación”.
Doutra banda, Gonzalo Caballero urxiu ao goberno galego a “necesaria” ampliación do IES de Caldas de Reis, así como pór en marcha a construción dun novo centro de saúde, unha infraestrutura “imprescindible” para a veciñanza.
Fronte á falla de compromiso da Xunta, Gonzalo Caballero reivindicou o “magnífico” papel que está desenvolvendo Juan Manuel Rey, “amosando a capacidade das alcaldías socialistas de facer a mellor política para a súa veciñanza”.
JUAN MANUEL REY RECLAMA “MAIOR IMPLICACIÓN” DA XUNTA
Pola súa parte, o alcalde de Caldas de Reis, Juan Manuel Rey, reclamou á Xunta unha “maior implicación” coas cuestións relativas á sanidade e á educación públicas.
Ademais, o rexedor da vila termal urxiu ao goberno galego a activar o “convenio pendente” para garantir “que o concello poida dar o cen por cen do saneamento municipal”.