O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, reclamou hoxe a Feijóo que “rectifique e asuma un compromiso coa sanidade pública” reforzando o persoal de atención primaria e pediatría. Nunha visita a Salvaterra do Miño, acompañado pola portavoz socialista, Rocío Bernárdez, e o secretario xeral, Félix González, esixiu que “non quede un neno ou nena sen pediatra no seu concello” polas baixas de persoal sanitario sen cubrir polo Sergas.
Dende alí, o líder dos socialistas galegos viaxou hoxe ata este concello pontevedrés para “exemplificar como o desastre da falla de compromiso do PP coas políticas sanitarias deixan a tantos concellos sen atención sanitaria e sen pediatría”. Recordou así que Sanidade vén de suspender esta mesma semana o servizo de Pediatría no concello, obrigando a desprazar aos nenos e nenas ata Ponteareas.
“Non é de recibo”, remarcou o responsable do PSdeG, quen manifestou o seu respaldo ás iniciativas do grupo socialista en Salvaterra para defender a sanidade pública e a importancia de que os veciños e as veciñas teñan uns servizos acaídos.
Neste escenario, Gonzalo Caballero fixo un chamamento ao presidente da Xunta para que “mude a política de persoal en materia sanitaria” e abra o concurso de prazas estables e condicións dignas “para que os profesionais da medicina non se vaian fóra de Galicia”. Así mesmo, reclamou o fortalecemento da sanidade pública fronte a unha xestión desastrosa do goberno galego que “evidencia a mala xestión, ineficacia e falla de compromiso” da Xunta.
A SANIDADE, “DEBILITADA”
Ao fío disto, Gonzalo Caballero fixo referencia aos problemas “continuos” que está ocasionando a Xunta na sanidade pública, á que está deixando “debilitada”.
“Ata 26 días de espera para atención primaria, peche de 600 camas de hospital, hai que agardar 18 días máis para operacións e 8 máis para especialista…”, enumerou, sen esquecer os “erros” relacionados coa lei de saúde ou o pasaporte covid para hostalería que vén de ser rexeitado pola xustiza.
“Ou Feijóo rectifica a súa política sanitaria ou terá que acabar cesando ao conselleiro”, incidiu o líder do PSdeG, consciente tamén de que non se están cubrindo as baixas ou vacacións dos profesionais sanitarios e da “deslealdade” coa que está actuando a Xunta coas vacinas que envía o goberno.
DEPURADORA DE SALVATERRA
No que atinxe a Salvaterra, Gonzalo Caballero sinalou que “é hora de que a Xunta cumpra” con esta vila.
“Ten que apoiar aos concellos, que precisan impulso, no ano en que Xunta ten os maiores orzamentos para a reactivación”, esgrimiu, toda vez que “non pode ser que os máis de 1.100 millóns de euros extraordinarios que goberno manda a Galicia non repercutan na xente e non se sintan nos veciños e nas veciñas de tantos concellos como Salvaterra”.
Por iso apoiou a demanda de Rocío Bernárdez de esixir á Xunta que “cumpra o seu compromiso de levar adiante a depuradora do Mendo”. “É importante para a calidade das augas, o abastecemento…”, sinalou a voceira socialista, polo que Gonzalo Caballero criticou que “Feijóo anuncia pero non cumpre”.