O secretario xeral lamenta que a rolda de prensa de Feijóo onte “non estivera á altura” ao optar por “confrontar” co goberno de España e cuestionar as decisións das autoridades sanitarias
Santiago, 13 de abril de 2020. O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, reclamou hoxe a Feijóo que explique no Parlamento que está ocorrendo nas residencias de maiores e que medidas se están tomando, toda vez que os casos de contaxios masivos nestes centros son “crecentes”.
“É o maior foco de preocupación”, resaltou o líder dos socialistas galegos nunha rolda de prensa telemática, na que fixo fincapé na necesidade de intervir a residencia de DomusVI de San Lázaro, en Santiago, e recordou que no centro do Barco de Valdeorras levábase pedindo a intervención “varios días”.
“Feijóo ten que dar información detallada do que ocorre en cada residencia”, incidiu Gonzalo Caballero, quen sinalou a conveniencia de coñecer cantos afectados hai en cada residencia e que medidas hai que tomar. “Sabemos que hai polo menos 70 centros con contaxiados e hai que actuar”, defendeu, para urxir a realización de tests rápidos.
Ao fío disto, o máximo dirixente do PSdeG sinalou que o goberno de España consignou para Galicia 110.000 tests, que aumentarán en próximas datas, e “a Xunta ten que utilizalos con dilixencia” atendendo á demanda destes diagnósticos que existe en concellos e tamén entre o persoal sanitario, de servizos sociais e das forzas de seguridade.
A este respecto, Gonzalo Caballero destacou que se trata de instrumentos “moi útiles”, que se están utilizando “en todas as comunidades autónomas” e que permiten detectar os casos positivos. Neste senso, lamentou que Feijóo preferira “poñer en dúbida a súa fiabilidade” a pesares das indicacións das autoridades sanitarias.
De feito, o secretario xeral indicou que onte, na súa comparecencia pública, Feijóo “non estivo á altura” das súas responsabilidades como presidente da Xunta ao optar pola “confrontación” co goberno de España. “Nós temos a man tendida para colaborar”, remarcou, e chamou á “responsabilidade colectiva”.
FALTA INFORMACIÓN
Tamén en relación con esas palabras de Feijóo, Gonzalo Caballero afeoulle que se queixe de recibir pouca información, cando cada semana hai unha xuntanza dos presidentes autonómicos co presidente do goberno, de que Pedro Sánchez compareceu xa tres veces no Congreso e de que existe contacto continuo entre o ministro de Sanidade e os conselleiros do ramo.
En Galicia, evidenciou, Feijóo decidiu onte non contactar cos grupos políticos, sendo “a segunda vez” que esquiva o acordo de manter unha xuntanza semanal, e só acudiu unha vez ao Parlamento. Todo iso, nun contexto extraordinario no que a Cámara galega está disolta e as eleccións autonómicas, adiadas.
“Feijóo ten que dar contas porque a información é necesaria e debe ser rigoroso e transparente”, concluíu o líder dos socialistas galegos, quen puxo o foco especialmente na situación que están atravesando as residencias de maiores e de persoas con discapacidade, nas que os propios familiares dos usuarios destes centros denuncian que non reciben detalles do que está ocorrendo.