O secretario xeral asiste en Madrid á convención do PES da que saíu proclamado Frans Timmermans como candidato socialista á Presidencia da Comisión Europea
Madrid, 23 de febreiro de 2019. O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, asistiu este sábado en Madrid á convención do PES, dende onde recetou “máis socialismo para defender os mellores valores da nosa sociedade”, fronte “ao populismo, a xenofobia e a ultradereita”. E, pensando en Galicia, recordou que existe xa “unha mobilización masiva” que quere cambio, sobre todo, á vista de que Feijóo “desfixo” o sistema sanitario público.
Coa vista posta nas vindeiras eleccións europeas, Gonzalo Caballero chamou a abrir “unha nova etapa” na UE “cun novo contrato social” e “co progreso social como principal marca”. “Cremos nunha Europa das persoas, máis solidaria e con máis igualdade de oportunidades”, destacou.
E, tras sinalar que o avance da ultradereita é algo “preocupante” en todo o eido comunitario, o líder dos socialistas galegos avogou por “facer un esforzo dende o PSOE para liderar un gran proxecto social que, dende España, marque unha folla de ruta para Europa” que é tamén a de gobernos como o de Suecia ou o de Portugal.
Ao fío disto, o máximo dirixente do PSdeG fixo fincapé no “xiro cara a ultradereita” que está levando adiante a dereita no noso país, o que supón distanciarse “da defensa dos intereses da cidadanía”.
“Feijóo hoxe está boquiaberto vendo que os votantes do PP xa non ven a Casado como o líder da dereita”, dixo Gonzalo Caballero, aludindo ás enquisas que así o reflexan, e recordou tamén que Feijóo está sendo cuestionado por amplos sectores da sociedade. Por exemplo, pola súa política sanitaria, que consistiu en “desfacer” a calidade do sistema público e agora “intentar parchealo”.