O secretario xeral recorda que Feijóo recortou 2.000 millóns na sanidade pública para sinalar que “se o cambio era imprescindible en marzo, agora aínda é máis necesario”
Santiago de Compostela, 1 de xuño de 2020. O candidato socialista á presidencia da Xunta, Gonzalo Caballero, ofreceu hoxe un “novo contrato social para defender o estado do benestar e o progreso de Galicia”. “Somos un partido que sabe gobernar, preparado para dar a Galicia un cambio con garantías no que se pode confiar”, destacou.
Gonzalo Caballero presentou hoxe as bases da proposta socialista para as próximas eleccións autonómicas, centrada na defensa do sector público como mellor garantía para superar a crise do coronavirus. Así, avanzou unha precampaña “propositiva e en positivo” para ofrecer “unha saída da crise que protexa á cidadanía fronte ás políticas liberais e conservadoras” representadas polo PP de Feijóo, Casado e Ayuso, que “non dan resposta aos problemas do país”.
Por iso, o líder dos socialistas galegos subliñou que “se o cambio era imprescindible en marzo, agora é aínda máis necesario” para “fomentar e defender o público” como “a mellor protección para a cidadanía“ e para establecer as bases que permitan que “os actores da economía privada poidan remontar a situación, sobrevivir e construír o futuro”.
“Temos que deixar atrás a inacción e a falla de responsabilidades para dar paso a un goberno que priorice o emprego, a sanidade, os servizos públicos e a política da reconstrución”, reivindicou Gonzalo Caballero, e propuxo un “xiro progresista” á fronte da Xunta.
Do mesmo xeito, o máximo dirixente do PSdeG chamou a retirar a un goberno instalado na “inacción” e na “confrontación” para dar paso a un executivo con “capacidade de cooperación co goberno de España, cos gobernos municipais e coas deputacións provinciais”.
“É MÁIS NECESARIO QUE NUNCA”
O PSdeG está nestes momentos, explicou Gonzalo Caballero, reformando as bases programáticas para adaptalas á nova situación, pero “non temos que facer un xiro programático” porque a crise do coronavirus fai “máis necesaria que nunca” a proposta socialdemócrata prevista para a convocatoria electoral de abril. Enfrente, dixo, o PP de Galicia amosouse durante 11 anos como “inimigo dos servizos públicos”.
Proba diso, como apuntou, é que os recortes de Feijóo na sanidade pública superan os 2.000 millóns de euros. “Suprimiron camas hospitalarias, reduciron os servizos de proximidade no territorio e precarizaron as condicións laborais dos sanitarios”, enumerou o responsable socialista.
Gonzalo Caballero lembrou que cando o goberno progresista chegou á Xunta en 2005 liderado polo socialista Emilio Pérez Touriño “atopou unha débeda de 400 millóns de euros na sanidade pública galega”, o que deu lugar a unha etapa de crecemento no investimento sanitario que superou o 30 por cento. Advertiu que a dereita que representa Feijóo “destrozou o público por razóns ideolóxicas e pola súa falla de compromiso”.
SITUACIÓN DE ALCOA
Finalmente, Gonzalo Caballero comprometeuse a traballar para conseguir que Alcoa “rectifique” o peche parcial da súa planta de San Cibrao. “A nosa prioridade é o emprego dos traballadores”, afirmou, para pedir ao goberno de España que manteña “o compromiso claro” que veu amosando coa factoría da Mariña co investimento de 38 millóns de euros nos últimos dous anos.
Do mesmo xeito, reclamou a Feijóo que “se converta en parte da solución, estea á altura das circunstancias e entenda que ten competencias en política industrial” para apoiar aos traballadores. “Necesitamos unha nova política económica e industrial”, recalcou, a través dun cambio de goberno logo de 11 anos nos que Feijóo demostrou que “non houbo folla de ruta industrial”.
“Hai que dar paso a un goberno progresista que implante unha política industrial activa para reindustrializar Galicia, que apoie ao emprego industrial e ofreza unha solución para manter o emprego en San Cibrao”, concluíu o secretario xeral do PSdeG.