O secretario xeral do PSdeG-PSOE, Gonzalo Caballero, reclamoulle hoxe ao PP que “deixe de enganar e xerar incerteza” e ratificou que “o goberno socialista defende ao sector marítimo pesqueiro de Galicia”. Así o dixo nun encontro co presidente da Fegamp e alcalde de Vilagarcía, Alberto Varela, no que puntualizou que “non houbo cambio na lexislación vixente e non hai reforma en curso” en materia de Costas.
O líder dos socialistas galegos denunciou que “ao longo de 2019, o PP fixo campaña irresponsable no sector marítimo pesqueiro para xerar incerteza e inseguridade nos actores relevantes, baseada en falacias e buscando confrontar co goberno socialista presidido por Pedro Sánchez”.
Explicou que “a lexislación vixente en materia de Costas baséase na Lei de Costas de 2013 e no Regulamento Xeral de Costas de 2014, ambos aprobados polo PP e o goberno de Mariano Rajoy e co respaldo de Feijóo”.
O responsable do PSdeG puntualizou que “o goberno actual, en materia de concesións e prórrogas, actúa conforme ao ditado pola lexislación aprobada durante o mandato do PP, e non houbo ningún cambio nin na Lei nin no Regulamento”. Agora, explicou, “o goberno progresista abriuse a dialogar e incorporar perspectivas que poidan mellorar a realidade actual, e os socialistas galegos defendemos que tanto a aplicación actual como desenvolvementos futuros se fagan sempre en consonancia coa nosa realidade marítimo-pesqueira e industrial”.
Os socialistas galegos, dixo Gonzalo Caballero, trasladámoslle ao goberno de España “a relevancia no sector marítimo-pesqueiro para Galicia”, e garantiu que “calquera desenvolvemento sexa sempre defendendo o noso patrimonio natural á vez que posibilitando e potenciando os nosos sectores económicos e produtivos, sendo esta posición compartida polo goberno do Estado”.
Deste xeito, subliñou que “dende a segunda metade de 2019 non se proseguiu coa posible reforma do Regulamento Xeral de Costas, e nestes momentos están vixentes os textos normativos aprobados polo PP”. Afeoulle ao PP e ao goberno da Xunta que “malia ser coñecedores destes detalles, prefiren manter a súa estratexia de tentar enganar para xerar alarmismo na busca dos réditos electorais que perderon en todas as convocatorias de 2019”.
Caballero reclámalle ao PP “un mínimo de responsabilidade” diante das mocións que o PP presenta nos distintos concellos de Galicia de ámbito marítimo, coa intención de “confundir e alarmar”. Sinala que “a súa mentira en materia de Regulación de Costas xa chegou ao seu fin, e pinchou a burbulla do cinismo do PP para o sector do mar galego”.
Instou ao goberno galego a “eliminar dúbidas e deixar de facerlle dano ao noso sector marítimo industrial pesqueiro”. Remachou que “os socialistas galegos garantimos que todo o que afecta ao ámbito marítimo-pesqueiro garantirá os intereses das galegas e dos galegos, e o noso compromiso coa pesca e co sector industrial marítimo é prioritario”.