O líder do PSdeG asegura que non cuestionará un cambio no toque de queda, pero considera fundamental reforzar a sanidade pública con 100 millóns de euros adicionais para mellorar a telemedicina e frear a reprogramación de operacións
O alcalde de Vilagarcía lamenta que a Xunta “non deu un peso” aos concellos para enfrontar a pandemia e critica que a vila está “esquecida” nos orzamentos para 2021
O secretario xeral do PSdeG-PSOE, Gonzalo Caballero, reclamoulle hoxe a Feijóo que acepte a emenda socialista aos Orzamentos da Xunta con 100 millóns de euros adicionais para blindar á sanidade pública fronte á pandemia. Así o dixo na visita ao Concello de Vilagarcía, onde mantivo un encontro co alcalde, Alberto Varela, para presentar as emendas aos Orzamentos relativas ao Concello.
Caballero reclamou un Plan de Reforzo da sanidade pública que considera “viable e fundamental” para reforzar a sanidade pública e que permita “gañarlle a batalla á terceira onda da covid” mantendo ao mesmo tempo a calidade asistencial. Esixiu así o reforzamento dos equipos de vacinación e rastrexo, así como o persoal sanitario “para conseguir que a sanidade pública poida seguir actuando con normalidade”.
Considera fundamental que a Atención Primaria continúe asistindo á poboación e sexa posible continuar coas operacións e intervencións sanitarias que “levan meses programadas e agora están a ser aprazadas porque o sistema está saturado e corre risco de desbordarse”.
O tamén portavoz do Grupo Parlamentario do PSdeG ofreceu a “man tendida” para “cooperar na maior crise que temos”, pero advertiu do risco de “non reforzar o sistema sanitario e seguir na liña de poñernos de perfil diante dos grandes retos” como está a facer o goberno galego.
Advertiu que “hai pouco persoal e pode haber problemas á hora de poñer tódalas vacinas cando se reciban, temos un sistema de telemedicina insuficiente e incapaz, e estamos a ver como nos dan cita para Atención Primaria cun retraso dunha semana ou dez días”. Sinalou que esta situación “é inadmisible” porque “a saúde dos galegos ten que estar garantida a través do sistema sanitario público”.
Toque de queda
O responsable socialista amosouse disposto a non cuestionar a ampliación do toque de queda, como está a insinuar o presidente da Xunta, así como “tódalas medidas na defensa da saúde e a loita contra os contaxios”. Reclamou “prudencia, responsabilidade compartida e a colaboración entre todos e todas necesaria para gañarlle a batalla á terceira onda”.
Caballero alertou do “alarmante e preocupante” incremento da positividade, e demandou “tódalas medidas para salvar á saúde e á economía do país”. Lembrou neste sentido a emenda dos socialistas para que a Xunta destine 100 millóns de euros adicionais dos Orzamentos para 2021 con destino a un fondo de apoio aos concellos de Galicia.
Na súa visita a Vilagarcía, lembrou que os concellos galegos están a asumir con recursos propios tarefas fundamentais para protexer as políticas sociais, a limpeza dos colexios ou as axudas aos sectores económicos máis afectados. Reclamoulle ao goberno galego un Plan de Rescate real para os sectores afectados polo seu “peche encuberto” da actividade.
Vilagarcía
O líder dos socialistas galegos sinalou as emendas do Grupo Socialista aos Orzamentos da Xunta con partidas específicas para apoiar ao concello de Vilagarcía, como son o reforzo do Hospital do Salnés, o novo Centro de Saúde ou o desenvolvemento do Polígono Industrial. Sinalou ademais a comunicación da Vía do Salnés a través do Grove, ou a mellora do carril bici.
Reclamou así apoio ás necesidades da localidade en canto á sanidade, desenvolvemento industrial, infraestruturas ou políticas sociais para un concello que está a asumir a decisión da Xunta de aumentar as horas do Servizo de Axuda ao Fogar sen que esta incremente as partidas.
O alcalde da localidade, o socialista Alberto Varela, salientou o “esforzo inimaxinable” desenrolado polo Concello para afrontar a crise da covid “sen recibir un peso” da Xunta, polo que tivo que recorrer aos recursos propios. Tiveron que improvisar así un albergue en Fexdega, habilitar un teléfono de emerxencia social 24H, o reparto de alimentos e medicamentos para os maiores ou material de protección para a poboación máis vulnerable.
Varela explicou que o goberno local é quen ten que programar axudas para os hostaleiros e comerciantes que seguen a agardar unhas axudas do goberno galego que non chegan, mentres “vemos como Vilagarcía volve quedar esquecida nos Orzamentos da Xunta para 2021”.
Na xuntanza mantida hoxe en Vilagarcía entre Gonzalo Caballero e o alcalde participaron tamén o deputado autonómico Julio Torrado e parte do goberno local vilagarcián.