O secretario xeral chama ao goberno galego a “espertar do seu letargo” e procurar coidados e atención aos nenos que non van ás escolas ata a volta do verán
Santiago, 10 de maio de 2020. O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, propuxo hoxe ao goberno galego que organice “un plan de atención á infancia e conciliación” encamiñado a apoiar ás familias que están volvendo ás súas actividades profesionais ao inicio do desconfinamento.
“Cada vez máis pais e nais se están incorporando a traballar”, sinalou o líder dos socialistas galegos, de xeito que urxiu á Xunta a “posibilitar que as familias teñan mecanismos para que os nenos que non teñen actividade escolar ordinaria podan estar ben atendidos”.
Deste xeito, Gonzalo Caballero chamou ás consellerías de Política Social e Educación a “espertar do seu letargo” e “poñerse a traballar” para adoptar medidas dirixidas a “apoiar ás familias”.
“Hai que habilitar mecanismos para respaldar ás familias e dar atención dos fillos, procurándolles os mellores coidados e atención nestes meses”, recalcou o máximo dirixente do PSdeG, consciente tamén de que os máis pequenos necesitan “ter actividade” ata a volta ás aulas despois dos meses de verán.