O secretario xeral chama desde Fitur a impulsar un turismo “seguro e con prudencia” que permita ao sector “recuperar os niveis de emprego e actividade”, para favorecer así o desenvolvemento económico de Galicia
O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, destacou hoxe dende Fitur a “potencialidade turística inmensa” que ten Galicia “na natureza, na cultura, na historia, no patrimonio, na Galicia interior, na Galicia atlántica, na Galicia urbana, na Galicia rural…”, e subliñou que cómpre “aproveitar esta potencialidade para a reactivación económica e social do país despois dunha crise de tanta intensidade”.
Así pois, logo de apostar por que Fitur sexa “o punto de partida para unha nova etapa na actividade turística”, Gonzalo Caballero reivindicou “un turismo seguro e con prudencia” que “permita ao sector galego desenvolver o seu potencial e recuperar e impulsar os niveis de emprego e actividade”, favorecendo deste xeito o desenvolvemento económico do noso país.
“É o momento de tomar todas as medidas de apoio á reactivación, de impulsar a actividade turística con seguridade en Galicia e de dar axudas ao sector”, recalcou o líder do PSdeG, quen reclamou á Xunta un plan de reapertura de negocios pechados pola pandemia.
Ao fío disto, recordou que o goberno de España vén de transferir 234 millóns de euros á Xunta “para axudas directas a pemes e autónomos” e que estes fondos reverterán “nunha parte moi importante” na hostalería e no sector do turismo, “uns dos máis afectados” pola pandemia.
“MODELO ASTURIANO”
Nesa liña, Gonzalo Caballero propuxo á Xunta que aplique “o modelo asturiano”, que “implica fortalecer a vacinación e a sanidade pública para ter garantías fronte ao virus”, pero tamén “buscar vías para a reactivación económica”.
Por iso, pediu ao goberno galego que “comece a estudiar co comité clínico a ampliación dos horarios das cafeterías e bares para equilibrar os seus peches cos dos restaurantes”, unha medida que “a hostalería está reclamando nunha desescalada gradual”.
“A apertura ata a 1 da mañá é posible facéndoo con protocolos e prudencia”, remarcou o dirixente socialista, quen destacou que esta “é unha vía” para “reactivar a hostalería e tamén para potenciar o sector turístico”, dada a gran vinculación entre ambos sectores. Ao respecto, indicou que a decisión de ampliar o horario de apertura de cafeterías e bares debe ser avaliada polo comité clínico e modularse en función do número de contaxios.