O secretario xeral dos socialistas galegos suxire ampliar horarios de bares e cafeterías ata as 23 horas e “unha vez superado o estado de alarma, que toda a hostalería poida abrir, polo menos, ata medianoite con protocolos e garantías”, se os expertos sanitarios así o consideran
O máximo dirixente do PSdeG visita O Condado e pon en valor compromisos dos socialistas con Ponteareas como a variante ou a mellora da N-120
O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, visitou hoxe a súa vila natal, Ponteareas, para manter unha xuntanza con responsables socialistas na bisbarra do Condado, como o alcalde de A Cañiza, a tenente alcalde de Ponteareas, o tenente alcalde de Mondariz e os voceiros socialistas de Salvaterra e Crecente, entre outros.
Alí, o máximo dirixente das e dos socialistas galegos pediu ao goberno galego que “combine a seguridade sanitaria e a loita contra o virus coas medidas de reactivación”, co que propuxo “dar pasos adiante” e “avanzar con seguridade” no proceso de desescalada da hostalería.
Así, Gonzalo Caballero instou á Xunta e ao Comité Clínico a avaliar a posibilidade de ampliar horarios de bares e cafeterías “de xeito inmediato” ata as 23 horas, de forma que poidan estar abertos “igual que os restaurantes”.
Nesta mesma liña, suxeriu ao goberno galego que estudie o “modelo Asturias” para que, “unha vez superado o estado de alarma, a hostalería poida abrir, polo menos, ata medianoite con protocolos e garantías”. De feito, no caso da comunidade veciña, a partir do vindeiro domingo, a hostelaría poderá permanecer aberta ata a 1 da mañá. “Este é un modelo no que temos que profundizar”, sentenciou o dirixente socialista.
“É necesario posibilitar a reactivación económica onde non existen tantos riscos e a medida que a vacinación avance”, sinalou o líder do PSdeG, quen incidiu en que “hai que apostar por unha liña de reactivación económica” cando “moitos cidadáns e cidadás non chegan a fin de mes: traballadores, desempregados, autónomos ou pemes atópanse en circunstancias moi complexas”.
Nesta liña, Gonzalo Caballero destacou que o PSdeG está traballando dende o Parlamento de Galicia para impulsar “liñas de acción que permitan dar axudas directas ás economías con dificultades”, “medidas de protección social que beneficien aos galegos e galegas” e tamén en como “empregar os fondos europeos para xerar emprego”.
ESTADO DE ALARMA
En canto ao estado de alarma, o máximo dirixente do PSdeG pediu a Feijóo que “coopere e colabore con lealdade” co goberno de España, “en vez de buscar tensionar”.
“A mellor garantía para a desescalada é o proceso de vacinación”, incidiu Gonzalo Caballero, logo de lembrar que “Feijóo dicía que non habería vacinas ata o segundo trimestre de 2021” cando, en realidade, a vacinación contra a covid comezou o 1 de xaneiro e se realizou “de forma continua grazas ao programa de vacinación do goberno de España”.
Nesta liña, o líder do PSdeG instou ao PP a pronunciarse sobre unha posible prórroga do estado de alarma. “Se nalgún momento o Consello Interterritorial ou as autoridades sanitarias recomendan decretar o estado de alarma para o país ou para unha comunidade autónoma, gustaríame saber se o PP estaría disposto a apoiar este tipo de medidas”, sinalou.
PONTEAREAS
En canto á situación de Ponteareas, Gonzalo Caballero puxo en valor que o goberno de España estea traballando “con firmeza nun proceso de reforma da seguridade viaria da N-120” que está en marcha, así como “nunha variante para Ponteareas” que permita un acceso directo á autovía A-52, e reducir tráfico noutras vías do concello.
“Teño falado directamente co ministro de Transportes, José Luís Ábalos, sobre as necesidades de Ponteareas”, resaltou o dirixente socialista, quen destacou o papel do goberno central, xa que nestes compromisos “non se avanzara nada ata que chegou un goberno progresista liderado por Pedro Sánchez”, porque con Rajoy “nada de nada”.
En canto aos cambios no goberno local de Ponteareas, Gonzalo Caballero puxo en valor o traballo feito polo goberno municipal e trasládolle o seu “aprecio persoal” e apoio a quen fora ata o de agora alcalde, Xosé Represas, a quen desexou o mellor.
“Seguiremos sendo socios leais para seguir traballando en Ponteareas dende o goberno coa candidata que o BNG presente á Alcaldía”, sinalou o líder do PSdeG, quen asegurou en que “os concelleiros socialistas de Ponteareas van seguir dando o mellor de si mesmos para sacar adiante o concello”.