O secretario xeral abre unha xornada sobre a sanidade pública do IdeaGaliciaLab: “Queremos dar voz aos profesionais na mesma semana que Feijóo reincide na mordaza contra a súa liberdade de expresión”
Santiago, 1 de febreiro de 2020. O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, inaugurou este sábado unha nova xornada do think tank IdeaGaliciaLab, onde se comprometeu a que a defensa da sanidade pública sexa “a bandeira” do vindeiro goberno progresista da Xunta despois de 11 anos de “recortes, privatizacións e precarizacións” con Feijóo á fronte.
“A sanidade pública vai ser a bandeira de referencia e estará en cada Consello da Xunta, para que todos os retrocesos da etapa de Feijóo teñan o seu punto e final”, recalcou o líder dos socialistas galegos, antes de apelar a unha mobilización “masiva” de cara á manifestación que terá lugar en Compostela o vindeiro domingo día 9.
Ao fío disto, Gonzalo Caballero criticou que Feijóo trate de “amordazar” á cidadanía a través dunha orde de retirada dos carteis reivindicativos dos centros de saúde. “Sen eses carteis e sen mobilización, seguiría pechado o paridoiro de Verín”, sostivo, ao rexeitar “eses esforzos” da Xunta por limitar “a liberdade de expresión”.
E, antes do desenrolo de dúas mesas sobre os recortes na sanidade pública e a desigualdade para acceder ao sistema público, nas que se reuniron membros de distintos colectivos, Gonzalo Caballero proclamou: “Queremos escoitar e dar voz aos profesionais sanitarios na mesma semana na que o PP e a Xunta reinciden na mordaza contra a súa liberdade de expresión”.
RETOS PENDENTES
O candidato socialista á Presidencia da Xunta defendeu que a sanidade pública ten que ter un compoñente de “proximidade”. É por iso que prometeu fixar “un catálogo de servizo básicos” que estableza os medios e recursos que ten que haber para atender á poboación, e loitar así contra o despoboamento do rural.
Ademais, puxo o foco sobre a importancia das “irmás menores do sistema sanitario”, como son a fisioterapia e a saúde mental, que teñen que ter -dixo- un peso máis elevado; e sobre a necesidade de que as catro provincias conten cunha unidade para atender os casos de ictus.
En paralelo, Gonzalo Caballero reparou na situación dos profesionais da sanidade pública, consciente da “precarización” dos seus contratos de traballo e da “falla de efectivos” en especialidades como a medicina familiar, a pediatría, a enfermería… Neste punto, recordou que as comunidades da nosa contorna, como Asturias, Castela e León, Cantabria ou A Rioxa, teñen unha taxa cobertura de pediatras superior á de Galicia; unha situación que se explica na “precariedade” imposta pola “xestión do PP”.
Así é que, como sinalou o máximo dirixente do PSdeG, no canto do modelo do PP de “xestionar a escaseza”, “nós queremos comprometernos”. “Hai capacidade para facelo”, recalcou, consciente de que “hai recursos públicos para facer as cousas doutro xeito, para facelas ben”.
Non en van, recordou Gonzalo Caballero, o propio Feijóo pasou de exhibir un discurso “de orgullo pola súa magnífica xestión sanitaria” a admitir a existencia de dificultades e a ter que “recuar”. “Porque todos sabemos de primeira man os problemas que ten a nosa sanidade pública”, evidenciou.
Antes de concluír, o secretario xeral do PSdeG advertiu de que nos meses que faltan ata as eleccións autonómicas, Feijóo tratará de facer “electoralismo” coa sanidade públicas, “con anuncios” sobre as medidas que non tomou ao longo dos seus 11 anos á fronte da Xunta. “Dedicarase a facer promesas continuas para intentar manterse no poder político; é a estratexia de quen sabe que xa non lle dan as contas”, enfatizou Gonzalo Caballero.
LABORATORIO DE IDEAS
Pola súa banda, a coordinadora do IdeaGaliciaLab, Noelia Otero, agradeceu a implicación dos distintos colectivos en defensa da sanidade pública, “un piar” da nosa sociedade. Neste “clima de cambio” que se vive en Galicia, valorou tamén as súas aportacións ao programa do PSdeG.
A xornada sobre os ‘Retos na defensa da sanidade pública galega’ contou con dúas mesas. Na primeira, sobre os recortes e a precariedade, participaron Suso Sueiro, presidente da Asociación Galega de Medicina Familiar e Comunitaria; Asunción Maus, do sindicato SATSE; Aurora Magán, voceira das Enfermeiras Eventuais en Loita; Xosé Dios, de SOS Sanidade Pública; e Francisco Cerviño, ex–xerente do Chuac.
A segunda, centrada na desigualdade de acceso ao servizo público, reuniu a Rogelio Viñán, xinecólogo do Hospital de Verín; Óscar Vázquez, traballador do transporte sanitario; María José Fernández, das Asembleas das Áreas Sanitarias de Galicia; e Rafael Vázquez, da xunta de persoal do CHUS.