O secretario xeral do PSdeG-PSOE, Gonzalo Caballero, mantivo hoxe un encontro institucional co presidente da Xunta, a quen lle plantexou unha axenda de 12 asuntos de país como “folla de ruta dunha alternativa de goberno dende a esquerda galega e galeguista”. Así o dixo logo da primeira xuntanza como líder dos socialistas galegos na sede do goberno galego.
O responsable socialista sinalou o “ambiente cordial dende a discrepancia política” pola que transcorreu o encontro para “dar normalidade ás relacións entre o presidente da Xunta e o principal partido da esquerda do país”. Caballero ofreceu unha “oposición con sentido e responsabilidade de país” situada “enfronte da dereita” porque, subliñou, “o cortés non quita o valente”.
Caballero enmarcou este encontro dentro da rolda de xuntanzas da nova dirección dos socialistas galegos para “instaurar un diálogo fluído coas organizacións, institucións e os distintos movementos sociais de Galicia”. Subliñou que os socialistas galegos “reafirmámonos como alternativa que dea resposta á necesidade dun cambio político no país pilotado por unha organización de esquerda con capacidade de goberno”.
Axenda de país
O líder dos socialistas galegos presentoulle ao presidente da Xunta unha ampla axenda de asuntos centrais para a política galega, partindo da necesidade de que Galicia asuma “o peso político que lle corresponde” ao seu autogoberno fronte á “posible reforma constitucional”.
Anunciou un “esforzo especial no diálogo para fortalecer a posición de Galicia” fronte ao novo debate da reforma do modelo de financiamento autonómico, e comprometeu o “diálogo do PSdeG” para “manter a nosa posición e que non perdamos recursos nin posición relativa” no seu reparto. Apostou por impulsar a posición de Galicia para facer valer o maior impacto da dispersión poboacional e o avellentamento demográfico.
Neste sentido, situou tamén á cuestión demográfica como un dos elementos “en clave de país”, así como a política de loita e prevención dos incendios forestais. Sinalou a urxencia dun “esforzo prioritario” para, logo da evidencia do fracaso das políticas da Xunta na vaga de lumes de outubro, instaurar unha nova política forestal e de prevención “máis eficaz”.
Gonzalo Caballero situou tamén a loita contra a violencia de xénero como unhas das prioridades “de país” que merecen “tódolos recursos presupostarios e o impulso político” para loitar contra unha lacra que atenta contra “o dereito á vida” de moitas mulleres galegas.
Xiro social
O secretario xeral do PSdeG-PSOE priorizou tamén o “xiro social”, urxente para intensificar as “políticas sociais deficitarias” do PP dende o Goberno da Xunta. Reivindicou intensificar a axenda social do goberno galego para reducir as listas de espera na sanidade, así como incrementar as escolas infantís e as políticas de conciliación respaldadas polo Executivo.
Gonzalo Caballero considera “fundamental” reforzar a política económica recuperando o “acordo social” cos sindicatos para recuperar as políticas dirixidas a impulsar a creación de emprego e a reactivación económica. Alertou do perigo de manter un sistema “deficitario” en canto aos incentivos a contratación ou á formación de desempregados.
Reivindicou intensificar a política económica e industrial do goberno galego, prestando unha especial atención ás políticas de impulso do I+D+i galego ou de apoio á iniciativa empresarial.
Tamén abriu o capítulo de demandas en materia de infraestruturas sinalando a necesidade de afrontar a suba das peaxes na AP-9, as obras pendentes no corredor noroeste ou os retrasos na chegada do AVE. Finalmente, lembrou o incumprimento da Lei de Medios Públicos de Comunicación, que require a elección do director da CRTVG no Parlamento ou a constitución do Consello de Informativos ou o Estatuto de Persoal.