O candidato socialista amosa a súa “confianza no cambio” porque existe en Galicia “unha maioría” que está “farta dos recortes e do conservadurismo do PP de Feijóo”
Santiago, 16 de febreiro de 2020. O candidato do PSdeG á Presidencia da Xunta, Gonzalo Caballero, compareceu hoxe ante os medios para presentar o lema que o acompañará nesta precampaña, ‘A hora do cambio’. “É a hora de dar a Galicia un goberno de progreso”, reivindicou, antes de subliñar que “temos as pilas cargadas”.
“Queremos construír unha nova etapa no país, traballando polo país que queremos cun cambio en positivo no que os galegos e as galegas poden confiar”, resaltou Gonzalo Caballero, partidario de desenvolver un proxecto “que pense nas persoas, no benestar, no progreso” en torno aos valores “de xustiza social, do feminismo, do ecoloxismo, da defensa dos servizos públicos”.
Ademais, o candidato socialista amosou a súa confianza en que “o cambio” vai chegar a Galicia o vindeiro 5 de abril, unha cita que o PSdeG afronta “con forza, con ilusión, con esperanza, con ganas”. Ese ánimo, afondou, irá crecendo como “unha bola de neve” durante a campaña porque “unha maioría” está “farta dos recortes e do conservadurismo do PP de Feijóo”.
Sobre todo, incidiu, porque “Feijóo é PP en vena”. “É o mesmo PP que apoiou os pactos coa ultradereita, que votou en contra da lei do aborto, da lei do divorcio ou da que regula os matrimonios entre persoas do mesmo sexo, e que vota en contra do dereito á morte digna en Madrid e Santiago”, recalcou o líder do PSdeG, antes de sinalar que o goberno de Feijóo é “un moroso coa sanidade pública”.
Neste contexto, Gonzalo Caballero deu conta de que mañá, domingo 23, terá lugar en Santiago a presentación da súa candidatura, coa presenza do presidente do goberno, Pedro Sánchez. “Será o pistoletazo de saída da precampaña”, explicou sobre unhas semanas “de alta intensidade” que concluirán coa chegada do “cambio” á Xunta.