O candidato do PSdeG á Presidencia da Xunta, Gonzalo Caballero, quen se presenta ás eleccións autonómicas como cabeza de lista pola provincia de Pontevedra, reuniuse hoxe cos números un pola Coruña, Lugo e Ourense, Pablo Arangüena, Patricia Otero e Marina Ortega, respectivamente.
“Damos o pistoletazo de saída a un proceso electoral moi importante e o PSdeG é a forza do cambio na que se pode confiar”, proclamou Gonzalo Caballero, para presentar “un proxecto pola renovación, o futuro e a esperanza de Galicia co que os galegos e as galegas poden estar tranquilos”.
“Temos políticas públicas pensadas para beneficiar á maioría e capacidade de goberno”, subliñou o candidato socialista, en referencia a un partido que lidera o goberno de España e, en Galicia, está á fronte de cinco das sete cidades, de tres das catro deputacións provinciais e de máis dun cento de concellos.
Neste contexto, Gonzalo Caballero avanzou que agarda unha campaña “dura, de alta intensidade” na que “o PP tentará asustar coa idea de cambio” buscando “manter unha hexemonía política que perdeu na realidade social” tras unha década de “recortes nos servizos públicos”.
O PSdeG, en cambio, “somos a forza ao servizo de Galicia”, reivindicou o candidato socialista á Presidencia da Xunta, de xeito que chamou á cidadanía a “manter activo o pulso do cambio” a pesares dos intentos da dereita de “asustar” ou de negar o “esgotamento” do proxecto de Feijóo.
APROBACIÓN DAS LISTAS
En paralelo, Gonzalo Caballero deu conta da aprobación por aclamación das candidaturas socialistas ao 5A, de xeito que “cumprimos todas as fases para iniciar unha campaña de mobilización encamiñada a acadar o cambio político en Galicia”.
Son, como sinalou, unhas candidaturas “de renovación” e “cunha ampla presenza feminina”, posto que as mulleres son maioría nas listas.
Dos outros tres cabezas de lista, destacou que Pablo Arangüena, avogado de profesión, é deputado no Congreso; ao igual que Marina Ortega, psicóloga e exconcelleira no Carballiño. Patricia Otero, secretaria provincial do PSOE en Lugo, é licenciada en Dereito e foi concelleira en Burela, así como parlamentaria autonómica.
Canto ao propio Gonzalo Caballero (Ponteareas, 1975), é profesor titular da Universidade de Vigo, onde se doutorou en Economía. Ademais, é doutor en Ciencias Políticas pola Universidade de Santiago.