O secretario xeral do PSdeG-PSOE, Gonzalo Caballero, sinalou hoxe que “fronte á falla de xestión e solucións que Feijóo supuxo para Lugo, os socialistas demostran garantía de gobernos de proximidade, con vocación e compromiso social, gobernos para as persoas”. No encontro co presidente da Deputación Provincial, José Tomé, Caballero puxo a xestión socialista como exemplo de compromiso e xestión dirixida ao reequilibro territorial.
Gonzalo Caballero lamentou que o presidente da Xunta teña tomado o papel de “inimigo de Lugo”, que “non deu solucións aos problemas das luguesas e dos lugueses e que esqueceu aos pequenos concellos”. Feijóo, dixo, “enganou á provincia” dende o mesmo momento en que chegou á Xunta prometendo que ía levar o AVE á capital “con fondos estatais e mesmo da Xunta, que foi o “principio da gran mentira” para Lugo.
O líder dos socialistas galegos puxo no “debe” do presidente da Xunta ás infraestruturas, a sanidade pública ou ás políticas sociais, que explican a “mentira” da Lexislatura do Rural coa que o presidente da Xunta cimentou un “relato de país que non é o relato da provincia nin o da Galicia real”. A realidade, dixo, é a dunha provincia “máis baleira e un rural máis abandonado”.
Sinalou que os concellos teñen que botar man dunha Deputación xestionada por un presidente socialista como “táboa de salvación” para uns municipios cada vez máis asfixiados pola falla de compromiso do Executivo autonómico. Un goberno, engadiu, que “suspendeu na xestión das infraestruturas”, con obras fundamentais pendentes, como o Porto Seco de Monforte, as conexións de Sarria ou a Variante de Viveiro.
O mesmo suspenso que lle concedeu en materia de Sanidade pública a un Feijóo “desmantelador da calidade sanitaria”, responsable de ter “abandonado e eliminado as áreas sanitarias de Lemos ou A Mariña, que ten provocado problemas nos centros de saúde sen pediatras ou coa Atención Primaria sobrecargada, sen persoal nin servizos”.
En materia de políticas sociais, dixo, a Xunta “incumpriu -as súas obrigas- coas residencias de atención aos maiores”, e de novo “tivo que ser a Deputación quen apostara polos maiores” mentres a Xunta se deixaba nas mans da Fundación Ortega “porque o goberno galego nin orzamenta nin prioriza en Galicia o déficit de 14.000 prazas de residencias para maiores” que Feijóo acumulou en dez anos de goberno.
Goberno socialista
O secretario xeral do PSdeG-PSOE dixo que “Galicia necesita dun Lugo e unha provincia activa e forte” e comprometeu “traballo a reo” para presentar “un proxecto de país que non se esqueza de Lugo” de cara ás eleccións autonómicas.
Puxo á Deputación e ao seu presidente, o socialista José Tomé, como exemplo dun “goberno progresista que amosa a capacidade de utilizar os fondos públicos para favorecer á maioría, traballar pola xustiza social, polo equilibro territorial, polas causas máis nobres”. Agradeceu a “tarefa de goberno” dun presidente socialista que “ten Lugo no corazón e na cabeza” e responde do compromiso de desenvolver á provincia”.
Caballero salientou a capacidade de Tomé e o equipo de deputados provinciais de manterse “pegado ao terreo” e de levar á institución aos representantes dos pobos e vilas de Lugo que “representan a toda a provincia e que demostran que o seu traballo permite resolver os problemas das e dos lucenses”.