Santiago, 1 de marzo de 2020. O candidato do PSdeG-PSOE á Presidencia da Xunta, Gonzalo Caballero, presentou hoxe a candidatura que concorrerá ás eleccións do 5 de abril, un equipo para “o futuro de Galicia”, o mesmo día que Feijóo acude a Ourense “coa dereita máis rancia”, da man de Baltar, Casado e Rajoy.
“Galicia necesita un cambio, unha etapa de ilusión e esperanza tras 11 anos do PP. É a hora do cambio, de abrir unha nova páxina na historia de Galicia”, remarcou Gonzalo Caballero, á fronte “dun proxecto de cambio intenso no que se pode confiar, cunha aposta polo benestar, por reverter os retrocesos do PP e por dar máis posibilidades de vida aos galegos e ás galegas”.
Porque Feijóo, como argumentou o candidato socialista, déixanos “unha Galicia peor”, con 70.000 traballadores menos, con menos camas hospitalarios, con menos mestres, con menos fondos para a atención primaria, con menos aposta pola cultura…”. “Unha Galicia que perde poboación e peso industrial e económico en termos comparados con España”, sinalou.
Este escenario de “problemas de emprego e de recortes no benestar” que se aprecian de xeito singular na “crise da sanidade pública”, tal e como indicou Gonzalo Caballero, “non ten solución con Feijóo” porque “non ten unha política económica activa, nin unha política de vertebración territorial que respalde ao conxunto do país, nin sensibilidade social”.
“Hai 600.000 galegos que viven baixo o limiar da pobreza, máis fogares con todos os seus membros en paro, máis paro de longa duración…, e Feijóo non tivo nin sensibilidade nin un modelo inclusivo”, incidiu o líder do PSdeG.
Por iso, subliñou, “é necesario un cambio” á fronte da Xunta e só o PSdeG está en condicións de dar a alternativa ao proxecto do PP, que “non dá máis de si”. Así é que pediu “que ninguén quede na casa” o 5 de abril, xa que “hai unha oportunidade clara” de pechar a etapa do PP.
“GALICIA NON TEN NADA QUE CELEBRAR”
Así pois, o día no que Feijóo celebra 11 anos do seu goberno, Gonzalo Caballero certificou que hoxe Galicia “non ten nada que celebrar” e ironizou coa posibilidade de que Feijóo invitara a Jácome tamén á celebración do PP en Ourense, que están Rajoy, Casado e Baltar.
“Vemos ao PP máis casposo e reaccionario, á vella dereita que non ten posibilidade de futuro”, sinalou, para apelar a “pasar páxina” de quen “representa o pasado”.
“Nós temos un compromiso férreo cos galegos para un cambio intenso e tranquilo, que free a carencia de política económica e a carencia de aposta polo rural e a falla de conexión coas cidades, e que converta a política social na principal bandeira”, concluíu Gonzalo Caballero.
O 60% QUERE CAMBIO
A preguntas dos xornalistas sobre as enquisas, Gonzalo Caballero sinalou que no que “todas” coinciden é no “descenso” do PP e no “ascenso” do PSdeG.
“Unha mobilización masiva o 5 de abril permitirá o cambio de goberno que quere o 60% dos galegos e das galegas”, afirmou o líder socialista, quen deu conta de que esta porcentaxe chega ao 75% no caso da xente moza e de que a maioría dos que piden cambio queren que o lidere o PSdeG.
Por tanto, avanzou unha campaña de proximidade para pedir ao medio millón de galegos e galegas que votaron ao PSOE o pasado mes de novembro que volvan facelo. “Cando nos activamos, este partido é imparable”, valorou Gonzalo Caballero.
COMPROMISO COA IGUALDADE
Gonzalo Caballero participou hoxe na manifestación feminista convocada en Verín en vésperas do 8 de marzo para amosar “o noso compromiso claro coa igualdade e cos dereitos das mulleres”.
É un aspecto máis, como dixo o candidato socialista, que “nos distancia do PP”. “Distáncianos dun Feijóo que di que non entende ben que é iso do feminismo ou do secretario xeral do PPdeG que dicía que a folga feminista era o máis machista do mundo”, recordou.
Fronte a isto, Gonzalo Caballero reiterou o compromiso que explicitou onte de “impregnar de feminismo activo e inclusivo” todas as políticas da Xunta dende o liderado dun goberno progresista.