Pablo Arangüena advirte de que “a falla de estratexia e de transparencia” da Xunta pode levar a que se perda “unha oportunidade única, histórica e irrepetible para modernizar a nosa sociedade e a nosa economía”
O voceiro do Grupo Socialista, Gonzalo Caballero, empregará a sesión de control do vindeiro Pleno do Parlamento para esixirlle explicacións a Feijoo sobre os fondos Next Generation e a súa orientación para mellorar os servizos públicos, modernizar a economía e xerar emprego. Así o explicou o vicevoceiro do Grupo Socialista, Pablo Arangüena, logo da Xunta de Portavoces que se reuniu hoxe para fixar a orde do día do Pleno da próxima semana.
Pablo Arangüena lembrou que “cando levamos un ano e medio de pandemia e cando o goberno de España foi pioneiro en falar dun Plan Marshall para Europa, o único que ten Galicia é unha carta aos Reis Magos de 354 proxectos”. Destes, “unicamente coñecemos que os públicos, que son a maioría, son dificilmente financiables con eses fondos porque non son proxectos novos nin transformadores”.
Con respecto aos proxectos con respaldo empresarial, Pablo Arangüena incidiu en que “descoñecemos practicamente todo porque, segundo a Xunta, unha obriga de confidencialidade impide facilitar datos”. Isto, denunciou Arangüena, “é falso porque calquera proxecto que pretenda obter fondos públicos debe ser transparente”.
En conclusión, o vicevoceiro socialista expresou a súa preocupación porque “a maioría dos proxectos que coñecemos non son financiables”, ademais de pola “falla de estratexia coñecida e a falla de transparencia na cuestión dos fondos Next Generation para Galicia”. Todas estas eivas, alertou Pablo Arangüena, poden conducir a que se perda “unha oportunidade única, histórica e irrepetible para modernizar a nosa sociedade e a nosa economía”.
Neste escenario, Pablo Arangüena explicou que o Grupo Socialista tamén realizará unha interpelación sobre o incremento da taxa de pobreza en Galicia. Neste caso, apuntou que na nosa Comunidade hai, a día de hoxe 300.000 mil persoas en situación de pobreza, sen contar as que están en situación de pobreza relativa, “que son moitas máis”. Nun contexto de crise como o actual, trátase “dun problema acuciante que deixa unha fenda social que hai que cicatrizar e cauterizar poñendo todos os medios públicos”.
Por outra banda, o Grupo Socialista defenderá unha proposición non de lei sobre necesidade dun pacto pola industria en Galicia. Farao, sinalou Arangüena, nun contexto dunha “crise industrial na que non existen políticas públicas por parte da Xunta, e iso a pesar de que ten plenas competencias na materia”.
TRATAMENTO DE RESIDUOS URBANOS E DECLARACIÓN DE EMERXENCIA CLIMÁTICA
Tamén se fará unha interpelación sobre o tratamento de residuos urbanos en Galicia. Nesta liña, o deputado do PSdeG lamentou que a Xunta siga a apostar polo seu modelo de incineración, “ao que chama valorización enerxética”, unha expresión que Arangüena equiparou coa neolingua da famosa distopía de George Orwell “1984”. “A realidade”, salientou Pablo Arangüena, “é que Galicia aposta por un modelo que vai en contra das directrices da UE” e que non está a acadar nin a metade do obxectivo europeo de reciclaxe.
No próximo pleno do parlamento tamén se debaterá unha proposición nin de lei do Grupo Socialista sobre a declaración de emerxencia climática en Galicia. Pablo Arangüena alertou de que o propio secretario xeral da ONU dicía onte mesmo en Glasgow que “estamos cavando a nosa proia tumba”. Así, non se entende que en Galicia siga sen declarar a emerxencia climática, como fixo xa o Estado español, a maioría dos países avanzados e a maioría das CCAA, coa excepción das do PP.
Arangüena recordou que o Grupo Socialista xa o pediu en decembro do ano pasado e que o propio Parlamento acordou facelo así en 2019. Nesta liña, instou á Xunta e ao PP a “pasar do negacionismo climático á acción climática decidida” porque “nos xogamos o noso futuro como especie e tamén o noso presente, posto que o cambio climático está despregando xa os seus efectos nas nosas vidas”.
DATOS DE FALECIDOS NAS RESIDENCIAS
Ademais, o Grupo Socialista presenta unha moción para coñecer os datos de falecidos en residencias, “que a día de hoxe seguimos descoñecendo por completo, malia que a conselleira de Política Social di que están a disposición de todo o mundo”. “O certo”, denuncia Arangüena, “é que deben estar moi agochados porque non os atopamos por ningures”.
Finalmente, Pablo Arangüena anunciou que o Grupo Socialista rexistrou unha pregunta urxente sobre a falla de traballadores en moitos sectores da nosa economía. Esta situación “reflicte unha falla de adecuación das políticas de formación da Xunta ás necesidades do mercado de traballo”.
Tamén se realizarán preguntas so goberno galego sobre a unidade de demencias do hospital Meixoeiro, de Vigo, e sobre a finalización do convenio da Xunta co colexio de ópticos e optometristas, “que servía para mellorar a atención de moita xente con problemas de vista”