O líder dos socialistas galegos exemplifica en Ourense “o desastre” das políticas municipais do PP e destaca a Lara Méndez como “a alcaldesa de referencia en Galicia”
O secretario xeral traslada o “apoio” do PSdeG a Pedro Sánchez fronte “aos ataques furibundos da dereita máis difamatoria” e que “cre que todo vale”
Lugo, 15 de setembro de 2018. O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, presidiu hoxe en Lugo, en compañía da alcaldesa, Lara Méndez, a xuntanza da Comisión Executiva Nacional Galega coa que os socialistas dan comezo ao novo curso político que desembocará nas eleccións municipais do próximo mes de maio.
Ante os xornalistas, o líder dos socialistas galegos puxo en valor os “avances” protagonizados polo goberno encabezado por Pedro Sánchez cando se acaban de cumprir os seus primeiros cen días e tamén a xestión de Lara Méndez en Lugo. Fronte ao “impulso” dos gobernos de progreso, Gonzalo Caballero anunciou que os socialistas “poñeremos no centro do debate” a “desfeita” na sanidade pública que deixa Feijóo.
Así se fará, como dixo, nunha comisión de investigación no Parlamento que abranguerá “os recortes, a privatización e o deterioro” na sanidade pública, que se concreta “na redución da carteira de servizos, en menos persoal e menos camas”. Caso paradigmático é o de Lugo, onde aínda non se implantou o servizo de hemodinámica durante as 24 horas do día.
Con ese dato, xunto co das “cero” prazas residenciais para maiores postas en funcionamento por parte da Xunta na cidade ou o dos case 300 nenos agardando por unha praza pública de gardería, o máximo dirixente do PSdeG recalcou que “a mellor opción para Lugo é Lara Méndez, que conta cun equipo de goberno que traballa duro e que ten un proxecto de cidade”.
En cambio, proseguiu, “a dereita non conecta cos cidadáns onde non goberna”, como ocorre en Vigo, A Coruña, Santiago ou Lugo, e na única cidade que o fai, Ourense, supón “o mellor exemplo de desastre” ao non ter conseguido aprobar nin un orzamento en catro anos a pesares de ser a forza maioritaria.
100 DÍAS DE GOBERNO
Ademais, xunto coa que destacou como “a alcaldesa de referencia en Galicia”, Gonzalo Caballero puxo en valor os primeiros cen días do goberno liderado por Pedro Sánchez fronte “aos ataques furibundos da dereita máis difamatoria”. “O PP non agardaba perder o poder e non sabe asumir que agora tócalle rexenerarse e construír un proxecto”, lamentou.
Por iso, amosou o “apoio” de todo o PSdeG a Pedro Sánchez, despois de terllo transmitido xa persoalmente, neste momento no que “a dereita máis conservadora e retrógrada” que “cre que todo vale” está tentando “desprestixiar” ao presidente do goberno.
Os avances do goberno de Pedro Sánchez, enumerou o líder dos socialistas galegos, concrétanse “na universalización da sanidade pública, na suba das bolsas para os sectores máis vulnerables, na suba das pensións, na recepción do Aquarius ou na decisión de retirar ao ditador do Valle de los Caídos”.
“Temos unha axenda chea de incentivos para que a cidadanía volva crer na política e para que o progreso chegue a todos os cidadáns”, finalizou Gonzalo Caballero, “satisfeito” do labor posto en marcha polo executivo.
“SEGUIR ACADANDO LOGROS”
Pola súa banda, a alcaldesa de Lugo puxo o foco na importancia de “seguir acadando logros”, tamén en Galicia, e de “recuperar os dereitos perdidos” durante a etapa de goberno do PP.
Sen esquecerse das “débedas históricas” que ten a Xunta coa súa cidade, como o cumprimento do Plan Paradai ou o servizo de Hemodinámica no HULA, e de poñer en valor o traballo do goberno local na dotación de servizos para os cidadáns, Lara Méndez sinalou que o PP local “non ten nin proxecto, nin ganas nin ilusión”.
Finalmente, tras un paseo pola cidade en compañía de cargos públicos e orgánicos do partido, como a deputada Margarita Pérez Herráiz, os parlamentarios Xoaquín Fernández Leiceaga, Luis Álvarez e Patricia Otero, e o secretario provincial do PSOE en Lugo, Álvaro Santos, Lara Méndez agradeceu ao secretario xeral do PSdeG ter escollido Lugo para celebrar a xuntanza da executiva.
AXENDA DO SECRETARIO XERAL
Trala reunión da Comisión Executiva Nacional Galega en Lugo, o secretario xeral do PSdeG participou nun xantar organizado polos socialistas de Ames (A Coruña) antes de acudir á noite a outro encontro en Amoeiro (Ourense).