Madrid, 23 de xaneiro de 2019. O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, visitou hoxe Fitur para poñer en valor as posibilidades do turismo galego, ao tempo que demandou “un esforzo” para mellorar a caída de visitantes que se produciu no verán do ano pasado.
“Os datos de 2018 foron unha chamada de atención e hai que facer un esforzo para estar sempre no nivel máis competitivo”, defendeu o líder dos socialistas galegos, quen avogou por “un turismo de calidade” que sexa “respectuoso co medio ambiente, a cultura e as tradicións”.
Consciente de que o turismo é “un factor de desenvolvemento” importante para a nosa comunidade, Gonzalo Caballero apostou por darlle toda a potencialidade para contribuír ao “desenvolvemento” de Galicia.
Nesa liña, o máximo dirixente do PSdeG chamou á Xunta a “facer os deberes” e poñer en marcha un plan de transporte que permita aos turistas chegar “a cada recuncho” da comunidade galega.
VISITA Á FEIRA TURÍSTICA
Durante a visita ao stand de Galicia, Gonzalo Caballero asistiu á presentación da campaña de turismo da Costa da Morte, na que participou, entre outros, o alcalde socialista de Dumbría, José Manuel Pequeño.
Tamén estivo percorrendo a feira coas alcaldesas de Lugo, Lara Méndez, e Camariñas, Sandra Ínsua; e os rexedores de Vilagarcía, Alberto Varela; Cedeira, Pablo Moreda; Monforte, José Tomé; Fisterra, José Marcote; e Valdoviño, Alberto González, así como o parlamentario Julio Torrado, os deputados no Congreso Guillermo Meijón e Ricardo García Mira e o senador ferrolán Ángel Mato.