O secretario xeral destaca que o novo executivo “está cumprindo” ao conxugar as “prioridades das familias” coa “atención ás prioridades de Galicia”
Santiago, 18 de xullo de 2018. O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, puxo en valor este mércores “o novo estilo” de gobernar que caracteriza a etapa aberta por Pedro Sánchez, que está conxugando “as prioridades das familias” coa “atención ás prioridades de Galicia”. “Está avanzando nos compromisos con Galicia a un ritmo que non foi quen de seguir Mariano Rajoy”, resaltou.
Nunha rolda de prensa en Santiago, o líder dos socialistas galegos afondou na xuntanza que onte mantivo Pedro Sánchez co presidente da Xunta e que se saldou coa mostra de que o goberno socialista ten “un compromiso coas prioridades de Galicia”.
“Coas infraestruturas galegas, con medidas que poden impulsar o emprego, como as fragatas, a prol do equilibrio territorial e con sensibilidade ás cuestións de despoboamento e dispersión que tanto afectan á nosa terra”, valorou Gonzalo Caballero, para quen ese é “o camiño correcto”.
Sobre todo, como dixo o secretario xeral do PSdeG, tras “anos de incumprimentos” de Rajoy que contaron coa “complicidade” de Feijóo, agora o “compromiso” de Pedro Sánchez con Galicia “ten que ser recibido coa satisfacción de que está cumprindo”.
Ata Feijóo, incidiu Gonzalo Caballero, “tivo que abandonar a súa estratexia de confrontación” e asumir que o goberno socialista ten “un compromiso claro” con Galicia. “Tivo que recoñecer que está cumprindo coas necesidades da comunidade”, recalcou, consciente de que Pedro Sánchez “ten na súa cabeza as necesidades e as prioridades de Galicia”.
IGUALDADE DE OPORTUNIDADES
Como explicou Gonzalo Caballero, o PSdeG está en “contacto continuo” co presidente e co goberno, así como coa dirección do partido, para poñer sobre a mesa as cuestións que afectan a Galicia.
“Os socialistas somos os que máis defendemos a igualdade de oportunidades e os máis sensibles á igualdade de dereitos en todos os territorios”, reivindicou o máximo dirixente do PSdeG, non sen sinalar que existen “fendas e retrasos históricos nos que hai que avanzar para dar a Galicia posibilidades de futuro”.
En paralelo, recordou o secretario xeral, o goberno de Pedro Sánchez permitiu “abrir unha nova etapa de posibilidades para a maioría”, como se reflicte en decisións como a de retirar o copago de fármacos, que atinxe a máis de 800.000 galegos, a subida das becas para as familias con menos posibilidades económicas ou as melloras laborais.