O voceiro parlamentario reclama “unha aposta clara” pola modernización, o benestar, a industria e a innovación e o medio rural e o reto demográfico como a mellor fórmula para facer fronte á pandemia
Caballero pídelle a Feijoo que “mude o negacionismo daquilo que avanza” despois de que intentase enganar aos galegos cando dixo que o AVE non chegaría a Galicia en 2021
O voceiro parlamentario do PSdeG, Gonzalo Caballero, demandoulle hoxe ao presidente da Xunta “unha nova orientación estratéxica para que esta lexislatura nos deixe unha Galicia con maior prosperidade e con maior igualdade”. Co obxectivo de “relanzar Galicia”, Caballero reivindicou “unha aposta clara” pola modernización, o benestar, a industria e a innovación, o medio rural e o reto demográfico. En paralelo, advertiulle a Feijoo que “simplemente con anuncios de plans estratéxicos do PP os galegos non resolven os seus problemas, e a desigualdade medra e máis de 300 mil mozos e mozas deixaron este país”.
Por iso, reclamoulle que “ademais de anunciar moitos plans e moita propaganda reoriente á estratexia de Galicia e permita que todos poidamos contribuír a facer una Galicia mellor”. “Vostede”, afirmou en referencia ao presidente da Xunta, “é un prestidixitador estupendo que abre o maletín e saca plans para todo”, pero que, en definitiva, son “papeis mollados que non serven para nada porque carecen de modelo de estratexia e de como ubicar á Galicia do ano 2021”
Nesta liña, Gonzalo Caballero denunciou que “a falla de estratexia foi constante nos 12 anos do goberno Feijoo”. Foron “12 anos sen modelo e sen medidas, obxectivos e capacidade para afrontar os retos de futuro”. Así, sinalou que “despois dos discursos grandilocuentes da Xunta sinalando o ben que vai todo en Galicia, o certo é Galicia segue rezagada e á cola en indicadores de produtividade, de competitividade, de innovación en comparación con outras rexións en España e Europa”.
Por iso, indicou que “necesitamos falar dos retos de como queremos encarar o futuro da Galicia poscovid” e reclamou que se lle dean “certezas” aos galegos e ás galegas sobre o rumbo en ámbitos como o benestar, a dobre transición, a industria e o I+D+i, o medio rural ou o impulso demográfico, que son “aspectos fundamentais” para a estratexia que reclama o PSdeG.
Así, en primeiro lugar, pediulle ao presidente da Xunta que rectifique as súas políticas en materia de benestar. “Non pode ser”, subliñou, “que en plena sexta onda da covid a súa única proposta para a conferencia de presidentes sexa impoñer máscara no exterior”, que –lembrou- xa usan de maneira maioritaria os galegos e galegas.
Por iso -e cos datos que corroboran que en Galicia aumenta a desigualdade e hai unha maior fenda social- Gonzalo Caballero indicou que “é máis importante que volva incorporar ao sistema docente aos 868 profesores que despediu e aos máis de 500 sanitarios que xa non están contratados”. Así, o voceiro parlamentario proclamou que “reforzar a educación pública, a sanidade pública e os sistema de benestar é a mellor fórmula de facer fronte á pandemia en vez de facer anuncios e esconderse detrás do uso da máscara en exteriores”.
Outro aspecto de “máxima relevancia” pasa por plantexar un novo modelo produtivo para a Galicia poscovid que lle dea maior peso á industria e ao I+D+i en Galicia, outro eido no que “temos problemas e estamos rezagados”. Así, Caballero lamentou a falla de medidas para afrontar as crises industriais en Galicia ou, ao igual que advirte o Foro Económico, as carencias en innovación e potenciación das TICs, “que motivan a fuga de talentos”.
Xunto a isto, Gonzalo Caballero tamén puxo o acento no necesario impulso demográfico. Para dar resposta aos problemas neste eido “non chega a lei de impulso demográfico aprobada polo PP”, que “é insuficiente e non ten ningún efecto”. E, por suposto –subliñou- “non chega con que o PP faga una felicitación de Nadal dándose os parabéns pola natalidade”, que está nas mais baixas de Europa.
FEIJOO DEBE RECOÑECER QUE “ENGANOU” COA CHEGADA DO AVE A GALICIA
Na súa intervención na sesión de control ao presidente da Xunta, Gonzalo Caballero tamén lle pediu a Feijoo que recoñeza que o ano pasado “estaba enganando” aos galegos e galegas cando dixo que o AVE non ía chegar a Galicia 2021. “Sinto que a hemeroteca o desminta unha vez máis”, sinalou o voceiro do PSdeG antes de reclamarlle a Feijoo que, “para poder seguir remando e acertando no futuro, mude o negacionismo daquelo que avanza e é positivo para Galicia”.
En calquera caso, Gonzalo Caballero entende que o PP “estea desnortado e preocupado despois de que a exministra Ana Pastor metera os investimentos do AVE no caixón durante tanto tempo”. Tras iso, remarcou, “tivo que chegar un goberno de progreso para cumprir o reto de facer chegar a alta velocidade a Galicia”.
Ademais, e como próximo reto, o voceiro socialista reafirmou o seu compromiso coa conectividade do conxunto do das cidades de Galicia coa alta velocidade, “a través de plans que están xa execución e de novos compromisos que non impliquen ningún tipo de retroceso”. “Queremos”, proclamou, “que todas as cidades estean conectadas a través do AVE” e, por iso, “ao igual que se chega a Ourense, temos que facer todos os investimentos para que chegue ao conxunto das cidades galegas”.