O candidato do PSdeG á Presidencia da Xunta, Gonzalo Caballero, fixo hoxe en Pontevedra un chamamento á participación de “todos os que queren unha saída da crise defendendo á cidadanía” para acadar o vindeiro 12 de xullo “unha vitoria do progreso”.
Así o dixo na súa visita a Pontevedra acompañado pola pontevedresa Paloma Castro, candidata ao Parlamento galego; o tenente de alcalde do Concello, Tino Fernández; e a secretaria local, Maica Larriba.
Neste escenario, Gonzalo Caballero apelou a “todos os que defenden o Ingreso Mínimo Vital” para que “participen e contribúan a unha vitoria do progreso o próximo 12X en Galicia”. Puxo esta medida, que beneficiará a 50.000 fogares galegos, como exemplo de que “cando a esquerda goberna, salvamos e protexemos ás persoas, mentres a dereita salvaba aos bancos pero non protexía ás persoas”.
O candidato socialista sinalou que nas próximas eleccións autonómicas “xogamos unha Galicia que avance no progreso, na protección social e nas políticas que defendan a igualdade da cidadanía fronte ás políticas do PP, que se centran na confrontación contra o goberno de España e non dan solucións”.
“ARRANXAR OS PROBLEMAS”
Gonzalo Caballero apuntou que “queremos arranxar os problemas que o PP creou na sanidade, nos servizos sociais, na igualdade e nas posibilidades de vida para o país”; e engadiu que “somentes un goberno presidido polo PSdeG terá a sintonía necesaria co Goberno de España e co municipalismo galego para afrontar con éxito un novo ciclo político” que permita superar a crise “sen deixar a ninguén na cuneta”.
E é que, recalcou, “os socialistas estamos comprometidos co estado do benestar”. “Somos os que constituímos o sistema público de pensións e os que defendemos a sanidade universal, pública e gratuíta, así como un ensino público de calidade e as axudas á dependencia”, reivindicou, ao tempo que enxalzou “o quinto piar” do estado do benestar que supón o Ingreso Mínimo Vital.
O propio tenente de alcalde de Pontevedra, Tino Fernández, puxo a aprobación desta medida en “pouco máis de 100 días de goberno e en plena pandemia” sanitaria como exemplo de xestión dun goberno socialista. Na polo oposto situou a un goberno do PP polo que Pontevedra “leva agardando 3.650 días para que amplíe o Hospital de Montecelo”.
ULTRADEREITA
Gonzalo Caballero apelou aos galegos e galegas a “dicirlles ao PP e á ultradereita que Galicia non quere posicións conservadoras intransixentes nin xenófobas, e que queremos cortar coa ultradereita que desembarca hoxe en Galicia”.
O líder dos socialistas galegos aludiu así ao acto de Santiago Abascal en Mos, unha localidade que visita como “o socio do PP, que vén a Galicia a pedir o voto para a coalición das dereitas con Casado, Abascal e Álvarez de Toledo”.
Estes son, engadiu, “os acompañantes que ten Feijóo na súa foto da película da dereita”, logo de respaldar o pacto en Andalucía, que “dixo que lle parecía moi ben e que podería subscribir con tranquilidade”. Mentres, lembrou, “Abascal e Ortega Smith trasladaron que estaban dispostos a vir a Galicia a pactar co PP para gobernar”.
Gonzalo Caballero apuntou que “o voto que o 12X defenderá as liberdades, a xustiza social e a prosperidade fronte aos riscos da dereita coa ultradereita será o mesmo voto que respalda á forza política que goberna en España e na maioría das cidades e que oferta posibilidades de futuro”.
Reclamoulle a Feijóo e ao PP que “rectifiquen os seus acordos coa ultradereita e freen as posicións de intransixencia” que representa a coalición da dereita coa ultradereita “que queremos frear en Galicia”.
ESTADO DE ALARMA
Gonzalo Caballero respondeulle á pretensión de Feijóo de levantar o luns o estado de alarma reclamándolle que “explique o que quere facer en Galicia, que actividades quere permitir e cales non”. Lembrou que o estado de alarma foi o que permitiu que España avance “con paso firme” na desescalada, e instou a Feijóo a “pasar de dar titulares, poñerse medallas e optar pola confrontación a explicar o que quere facer”.
Deste xeito, requiriu a Feijóo que “responda das súas responsabilidades”, porque ata o momento “non está a gobernar” en Galicia, como demostra a súa “estratexia da confusión” buscando os “titulares fáciles”. Esta estratexia foi a que o levou, dixo, a decretar o peche dos centros de día que “ata onte non empezou a rectificar”, ou a renunciar a tomar decisións na xestión das residencias de maiores.
Gonzalo Caballero fixo fincapé en que ata o momento a única aportación de Feijóo ten sido a “irresponsabilidade gravísima de plantexar o 3 de maio que non se producira unha nova prórroga do estado de alarma”. Explicou que, de telo retirado daquela, “hoxe teríamos unha desescalada con moitísimos riscos e retrocesos moi importantes”.
Pola súa banda, a secretaria local do PSOE, Maica Larriba, agradeceu a visita de Gonzalo Caballero a Pontevedra e puxo en valor a xestión do goberno de España durante a pandemia para atender ás necesidades da cidadanía.