Sinala que o goberno galego “está máis preocupado por outras cousas que polo emprego, polo tecido produtivo e polo país”, mentres Galicia se fai “cada vez máis cativa” en poboación, industria e emprego
O PP tomba a proposición non de lei do Grupo Socialista para urxir á Xunta un protocolo integral de atención ás empresas en crise
O voceiro de Economía do Grupo Socialista, Gonzalo Caballero, pediu á Xunta un goberno a “full time” para abordar os retos económicos de Galicia. Fíxoo, hoxe, na Comisión de Economía da Cámara galega, onde presentou unha proposición non de lei para urxir ao goberno galego un protocolo integral de atención ás empresas en crise, que foi rexeitada polo PP.
“Non nos podemos permitir que o presidente da Xunta queira converter o que queda de lexislatura nos minutos basura dun tempo político no que hai que priorizar a recuperación, a industria e o emprego”, censurou o dirixente socialista, tras sinalar que “se facemos balance” da xestión do goberno de Feijóo “a lista de empresas moi relevantes que foron caendo é terrible: moitas non están e outras están nunha situación de enorme complexidade”.
“Caramelo, Viriato, Alfageme, Pórtico, Alimentos Lácteos, Elnosa, Pescanova, Banco Pastor, as caixas galegas, Maderas Iglesias, Isowat, Pili Carrera, Siemens Gamesa en Somozas… A historia do fracaso deste goberno da Xunta é o resultado dun goberno que nunca quixo facer política económica e centrou a acción política no márketing e esqueceuse do tecido produtivo do noso país”, sentenciou Gonzalo Caballero.
Neste marco, o responsable socialista pediu ao goberno galego “que se poña a facer as cousas ben e tome medidas” porque “se eu pregunto que medidas están tomando, non hai resposta”, lamentou. “Fallou o tempo das políticas económicas”, incidiu, porque “nin estiveron nin están, nin queren estar”, xa que “prefiren estar noutras cousas cando tantos problemas hai en Galicia”.
“EU RESPECTO AO CIDADÁN ALBERTO NÚÑEZ FEIJÓO”, PERO GALICIA NECESITA UN GOBERNO QUE “DEA RESPOSTA” Á RECUPERACIÓN
“Eu respecto que o cidadán Alberto Núñez Feijóo decida optar a liderar o seu partido e deséxolle os mellores éxitos á hora de centrar e moderar o PP, pero Galicia necesita un goberno a full time” que “dea resposta á política económica” que Galicia necesita, sentenciou Gonzalo Caballero.
“A lista de empresas quebradas en 13 anos de Feijóo amosa un goberno con falla de compromiso. A caída de poboación ocupada amosa un goberno que non é capaz de relanzar a xeración de emprego. A caída do valor engadido bruto amosa a carencia de política industrial e de retos cos que cumprir. Amosa que hai un goberno da Xunta que esta máis preocupado doutras cousas que do emprego, do tecido produtivo e do país”, sentenciou.
Ao fío disto, o socialista aludiu ao último informe do Foro Económico de Galicia publicado esta mesma semana que indica unha “ralentización” do crecemento da economía de Galicia a finais de 2021. De feito, lamentou que, o pasado ano, malia que en Galicia se crearon 3.382 empresas, un 20% máis que o ano anterior, no caso de España o crecemento foi do 27%, o que supón un diferencial de 7 puntos que pon a Galicia en posicións “de cola” no conxunto do Estado.
Ademais, o ano pasado en Galicia disolvéronse 1.608 empresas, o que supón un 22% máis das que se disolveron no conxunto das comunidades autónomas.
“NIN DIAGNOSE NIN MEDIDAS, NIN COMPROMISO”
“Non atopo no goberno do PP unha diagnose nin medidas, nin compromiso para dicirlle ás galegas e galegos que un goberno que xestiona miles de millóns de euros de forma constante ten ese compromiso e realiza esa xestión”, lamentou.
Por todo isto, Gonzalo Caballero pediu ao goberno galego que elabore e presente na Cámara galega, no prazo de tres meses, un protocolo integral de atención ás empresa en crise co obxectivo de “garantir a supervivencia” das empresas galegas e que “barallen a posibilidade de que, a través do IGAPE, teñamos un instrumento útil para apoiar as empresas en risco”.
“Nos tempos que estamos vivindo debería haber un cambio na política económica, industrial e de xeración de emprego que incorpore unha nova conexión de actuación co tecido produtivo para impulsar as áreas que poidan ter unha maior función tractora”, incidiu. “Cómpre poñerse a traballar a carón do tecido produtivo e das empresas do noso país”, concluíu Gonzalo Caballero.