Santiago, 19 de marzo de 2020. O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, pediu hoxe á Xunta que dispoña a gratuidade das televisións dos hospitais para os doentes que están ingresados durante a crise de coronavirus.
“É unha medida pequena pero que é moi importante para os ingresados”, destacou Gonzalo Caballero, quen apuntou que esta decisión xa se implementou noutras comunidades autónomas nesta etapa.
Trátase, como explicou o líder dos socialistas galegos, de contribuír a reducir “a sensación de soidade e illamento” das persoas que están nos hospitais e que, por mor dos riscos de propagación do virus, non poden recibir visitas con regularidade. A limitación das visitas aos ingresados require medidas coma esta para darlle facilidades e evitar a sensación de soidade e illamento.
Esta medida súmase ao conxunto de propostas sanitarias feitas polo PSdeG no seu paquete de accións, como a apertura das plantas hospitalarias que permanecen pechadas, a mellora das condicións laborais e da estabilidade dos profesionais sanitarios, a ampliación de profesionais sanitarios pola vía da recuperación de xubilados e de egresados, o reforzo dos teléfonos de emerxencia, a potenciación da atención domiciliaria e o estudo da posibilidade de prever hospitais medicalizados para situacións extremas.
Do mesmo xeito, Gonzalo Caballero avogou por mellorar a Risga e as axudas de emerxencia social, e por potenciar a ensinanza telemática para os nenos e nenas que non poden ir ás escolas e tamén para os graos universitarios.
Igualmente, formulou o aprazamento dos pagos das hipotecas, ao igual que os pagos á administración autonómica, e poñer o Igape ao servizo de autónomos e pemes habilitando liñas de crédito para os sectores máis afectados, como o turístico, o do transporte e o do comercio.