O líder do PSdeG urxe a Feijóo a “aceptar hoxe mesmo” a comisión de investigación sobre o ocorrido nas residencias de maiores na primeira vaga da covid e reclámalle que compareza mensualmente mentres dure a pandemia
O voceiro parlamentario do PSdeG, Gonzalo Caballero, defendeu hoxe que esta ten que ser “a lexislatura da protección das persoas”, na que “temos que construír un cinturón de protección para a xente que evite que alguén poida quedar atrás” na saída desta crise sanitaria, económica e social. Neste contexto “tan complexo”, e consciente de que “as maiorías non garanten o acerto”, tendeu a man ao goberno galego para traballar nos eidos social, económico e institucional e configurar así “unha Galicia mellor”.
“Contará coa nosa vocación de acordo para unha nova política social que defenda os servizos públicos, para unha reactivación económica do país afastada da ortodoxia da austeridade e para rexenerar as institucións públicas”, enumerou na súa intervención no debate de investidura, antes de engadir que “o maior acordo” ten que ser en torno á defensa do autogoberno. “A Xunta ten que exercer as súas competencias”, recalcou amosando o Estatuto de Autonomía de Galicia.
Así o dixo o líder socialista logo de escoitar a Feijóo cuestionar a labor do goberno de España, o que o levou a preguntarse “para que serve unha consellería de Economía que non toma medidas para o tecido produtivo, para que serve unha consellería de Política Social que se exime das súas responsabilidades nas residencias de maiores ou para que serve unha consellería de Educación que non toma medidas para o inicio do curso”. “Para que serve a Xunta se outros teñen que facer os deberes en ámbitos da súa competencia?”, inquiriu.
Ao fío diso, Gonzalo Caballero advertiu de que o presidente da Xunta “non pode seguir de medio lado ante unha crise de tanta gravidade” e garantiu “a man tendida do PSdeG” para “dialogar, aportar e buscar acordos” para poñer en marcha “as mellores políticas” que palíen “a carencia de proxecto” do PP. “Na que ten que ser a lexislatura da protección das persoas, todos temos que estar á altura”, remachou.
POLÍTICA SOCIAL
No eido social, o secretario xeral do PSdeG requiriu “unha aposta clara” pola sanidade pública tras desgranar “un balance negativo” nos 11 anos de goberno de Feijóo, posto que caeron os orzamentos en sanidade pública, se recortaron 500 camas nos hospitais públicos e se eliminaron servizos nos hospitais comarcais.
“Esta crise evidenciou a necesidade dunha emenda á totalidade das políticas do PP”, subliñou, antes de pedir un plan de mellora da atención primaria, 25 novos centros de saúde, a creación de 5.000 prazas estables para profesionais sanitarios, aumentar os fondos para investigación sanitaria e traballar por un acordo que permita suprimir a taxa de reposición na sanidade pública, entre outras medidas.
“Apostar pola sanidade pública non é poñer un cartel en Verín que di <<hospital público>>”, evidenciou Gonzalo Caballero, antes de sinalar que “os galegos saben dos retrasos nas citas este verán ou da febleza no modelo de atención telefónica”. Así, ante o anuncio dun “novo Sergas”, demandou claridade sobre “cal é o modelo” que pretende seguir Feijóo; o mesmo que fixo no relativo ao compromiso de mellorar as condicións dos profesionais sanitarios.
En paralelo, cuestionouse os motivos polos que Feijóo anuncia a presentación dun texto para unha nova Lei orgánica de saúde, posto que “o PP ten deputados no Congreso” e presenza na comisión da reconstrución. “Cre que cada comunidade debería remitir un proxecto de lei de reforma da Lei de saúde?”, preguntou, ao tempo que demandou tamén coñecer o número real de rastrexadores covid que están operando en Galicia.
No apartado das residencias, o líder do PSdeG urxiu a Feijóo a “aceptar hoxe mesmo” unha comisión de investigación que aclare o ocorrido nestes centros trala aparición do coronavirus. “Temos que aprender dos erros para construír un modelo mellor de atención aos nosos maiores”, argumentou tras sinalar que o Consello de Contas revelou un sistema de inspeccións e sancións “viciado” e recordar que existen numerosas denuncias de familiares e traballadores de residencias.
Ao fío diso, reclamou unha auditoría dos protocolos existentes -máxime á vista da carta remitida pola directora do xeriátrico de Domus Vi en San Lázaro na que revelaba que só se permitiu o traslado dos contaxiados que se atopaban en mellores condicións- e apostar pola construción de residencias integradas. De feito, preguntouse por que os residentes no centro do Incio, no que faleceron xa sete persoas, non foron derivados a unha residencia destas características.
Ademais, o voceiro socialista pediu incrementar o número de docentes e de espazos para así baixar os rateos de alumnos por aula e ampliar as medidas de protección e prevención para lograr unha volta ao cole “con garantías”. Dentro dun decálogo de medidas, reclamou tamén máscaras gratuítas para o alumnado e que a Xunta colabore financeiramente cos concellos para afrontar os gastos de limpeza extraordinarios.
Así mesmo, fixo fincapé na necesidade de que “ninguén quede sen acceso” á universidade pública por motivos económicos, polo que propuxo que as primeiras matrículas sexan gratuítas. “Esta medida non ten un custe excesivo”, explicou, e pediu tamén á Xunta que “non tome ningunha medida que ameace ás universidades públicas galegas” ou que alteren o mapa de titulacións sen un consenso previo cos tres rectores.
A maiores, subliñou a importancia das medidas de combate da pobreza e as actuacións pensando na xente moza nos eidos de formación, emprego e vivenda. A igualdade, proseguiu, ten que ser atendida porque “as mulleres sempre saen peor paradas de todas as crises”, e por iso demandou “un compromiso feminista” da Xunta que se materialice na creación dunha consellería específica.
REACTIVACIÓN ECONÓMICA
No que atinxe á cuestión económica, Gonzalo Caballero amosou a súa “preocupación” ante a ausencia dun “plan de acción” por parte da Xunta para afrontar a reconstrución de Galicia tralo paso da pandemia.
“A Unión Europea está abrindo un novo tempo, pasando páxina aos paradigmas da austeridade e da ortodoxia, e o Goberno de España está dispoñendo fondos extra e avanzando en medidas como o pago dos ERTE ou o ingreso mínimo vital”, formulou, antes de preguntarse “cal é o modelo” que vai seguir o executivo galego.
Neste punto, tras indicar a caída do PIB e a perda de poboación ocupada, lamentou que o plan anunciado por Feijóo “non se concreta en nada”. A iso uniu o que -ironizou- debe de ser “unha noticia fake” sobre o compromiso electoral do PPdeG de crear 15.000 empregos públicos, toda vez que Feijóo non incluíu este asunto no seu discurso.
“Temos que facer unha saída da crise distinta a que se fixo trala gran recesión de 2009”, incidiu, antes de sinalar a importancia de apostar pola dixitalización, pola transición ecolóxica e enerxética, polas novas relacións laborais a causa do teletraballo, polo desenvolvemento do rural e pola política industrial.
En relación con isto, Gonzalo Caballero urxiu á Xunta a implicarse na busca de futuro para Alcoa despois de que o goberno de España atopase un inversor interesado, a colaborar para a reindustrialización de Cerceda e As Pontes e a buscar carga de traballo para Navantia ata que comece a construción das fragatas.
“O Estatuto de Autonomía de Galicia dános plenas competencias na cuestión económica”, recordou o secretario xeral do PSdeG, para lamentar así a “ausencia” de medidas e de enfoque por parte do goberno galego.
REXENERACIÓN INSTITUCIONAL
Finalmente, no eido institucional, o voceiro socialista apelou a “un gran acordo” na Cámara para que o presidente se comprometa a comparecer mensualmente mentres dure a pandemia, a fin de trasladar información e de debater as medidas a tomar.
Pero “o cambio”, proseguiu, ten que chegar tamén á fin da “manipulación” dos medios públicos, que deben ofrecer “información imparcial e plural” como están demandando os seus profesionais dende hai dous anos.
E, tras manifestar a súa “satisfacción” pola decisión xudicial de reverter para o público a titularidade do Pazo de Meirás polo que supón de “dignificación da memoria dos represaliados”, requiriu a Feijóo que “busque o acordo cos concellos”.
Ao fío diso, Gonzalo Caballero esixiu a Feijóo que “explique o acordo letal para Ourense” que asinou para poñer a Jácome de alcalde e para manter a Baltar á fronte da Deputación. “O maior exemplo de crispación e esperpento de toda España é a súa responsabilidade”, remachou.