José Luis Ábalos chama a manter e ampliar a confianza recibida o pasado 28 de abril e situar de novo na alcaldía de Santiago “un referente del municipalismo”
Santiago, 15 de maio de 2019. O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, participou hoxe nun mitin en Santiago en compañía do ministro de Fomento en funcións, José Luis Ábalos, para arroupar a Xosé Sánchez Bugallo de cara aos vindeiros comicios municipais.
“O 26 de maio temos unha oportunidade histórica para apostar por un futuro de ilusión da man do PSOE”, recalcou Gonzalo Caballero, quen aseverou que “os socialistas somos a mellor garantía dunha boa política municipal”.
É por iso que, tras lamentar que Santiago “perdeu a súa posición de referencia no mundo” tras un mandato que foi “unha secuencia de novas esperpénticas” e outro de “insuficiencia na xestión”, o líder dos socialistas galegos apelou aos composteláns e ás compostelás a “abrir unha nova páxina” dentro de 11 días.
“Hai unha ocasión para que Santiago volva a gañar o futuro e para recuperar o liderado”, sinalou Gonzalo Caballero, e incidiu: “Eu non me resigno a que a Galicia que quero construír non estea liderado por un Santiago forte con Bugallo como alcalde”.
AUMENTAR O APOIO
Nesa mesma idea fixo fincapé Ábalos, quen chamou a manter e ampliar a confianza recibida polo PSOE o pasado 28 de abril para, no caso de Santiago, volver situar na alcaldía a “un referente del municipalismo”.
Ao fío disto, o secretario de Organización do PSOE explicou que “los ciudadanos nos dieron mayoritariamente su confianza por nuestra voluntad de procurar el bien de los españoles y de atender sus necesidades urgentes” nos 10 meses de Pedro Sánchez á fronte do goberno.
Outro factor, engadiu, foi que fronte ao modelo de “civismo” e “entendemento” que nos caracteriza e que compartimos cunha maioría de españois apareceu “una derecha muy amenazante y cada vez más desacomplejada” que, ademais, “sigue en sus trece” e “no aprendió la lección”.
Só así se explica, profundou o ministro de Fomento, está nova coincidencia da dereita co independentismo para bloquear a elección de Miquel Iceta como senador. “No dejan de ser un obstáculo para España”, lamentou.
SANTIAGO
Pola súa banda, o candidato socialista á alcaldía, Xosé Sánchez Bugallo, pediu o voto “para que Santiago sexa forte outra vez” e, ademais, chamou a ir “casa por casa” para explicar un proxecto centrado en recuperar a potencia da capital galega.
Abriu o acto a número dous da candidatura socialista, Mercedes Rosón, puxo en valor o proxecto con que o PSOE concorre a estas eleccións para devolver “o pulo” que sempre tivo esta cidade, ata o punto de que o programa recolle “unha medida” para cada día do mandato.