O secretario xeral destacou que hoxe saltamos “un primeiro obstáculo” ao converter o problema das elevadas peaxes da AP-9 nun debate estatal
Madrid, 11 de decembro de 2018. O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, valorou hoxe, coincidindo co debate no Congreso da toma en consideración da proposta de transferir a AP-9 a Galicia, que os socialistas “desbloqueamos o veto do PP sobre os intereses dos galegos e das galegas”.
“Tivo que chegar un goberno socialista para que se poida debater o que foi plantexado pola unanimidade do Parlamento de Galicia”, remarcou o líder do PSdeG tras manter unha xuntanza cos deputados e senadores socialistas de Galicia na que tamén participaron membros da dirección do Grupo Parlamentario.
Por tanto, Gonzalo Caballero considerou que a de hoxe é “unha xornada importante”, pois un asunto “recorrente” en Galicia, o das elevadas peaxes da AP-9, será abordado por fin no Congreso dos Deputados tralos “vetos” impostos na etapa de Mariano Rajoy.
“Feijóo púxose trala defensa da transferencia da AP-9 a Galicia, pero o certo é que mentres gobernou Rajoy, foi incapaz de convencer ao PP e ao seu goberno para que se tratase o tema no Congreso”, recordou o máximo dirixente do PSdeG, consciente dos “enormes custes” que estas peaxes implican para familias e empresas galegas.
E, sen perder de vista que foi Aznar quen prorrogou a concesión desta infraestrutura “ata 2048 coa connivencia de Feijóo”, o que supón “unha anomalía, por exceso, dentro do conxunto de autoestradas do país”, Gonzalo Caballero contrastou “o plantexamento de país, pensando nos galegos” que manteñen os socialistas.
“UN TRABALLO INTENSO” POR DIANTE
Así, avanzou que tras saltar “o primeiro obstáculo” coa toma en consideración da norma por parte do Congreso, Gonzalo Caballero sinalou que queda por diante “un traballo intenso” para “mellorar a mobilidade” en Galicia.
“Hai que abrir o debate sobre as infraestruturas que posibilite un tratamento distinto, para evitar unha suba continua das peaxes”, defendeu o líder dos socialistas galegos, para explicar que o traspaso da AP-9 non se pide unicamente “en clave de obter máis competencias ou de mellorar o autogoberno”.
En concreto, subliñou que o obxectivo desta demanda unánime do Parlamento de Galicia é conseguir “menores custes”, para que os galegos e as galegas “teñamos unhas condicións de prezos moito máis acordes ás necesidades do país”.