O secretario xeral del PSdeG, Gonzalo Caballero, asistiu hoxe ao Diálogo Aberto sobre Acción Climática organizado polo Partido Socialista Europeo e dirixido polo seu presidente, Sergéi Stánishev, no marco do Cumio do Clima. Dende alí, sinalou que Feijóo non ten “un rumbo claro para traballar por unha transición ecolóxica xusta”.
De feito, Gonzalo Caballero recalcou que Feijóo “deu as costas” á loita contra o cambio climático de xeito “continuo”. Se cadra, ironizou, “tiña de asesor a aquel familiar de Rajoy que lle quitaba relevancia”, pero “os galegos somos conscientes” da gravidade da situación.
Antes de asistir á conferencia de Al Gore en Madrid, o líder dos socialistas galegos fixo fincapé na importancia de combinar “a defensa dos dereitos dos traballadores” cunha “produción industrial responsable en base a novas formas enerxéticas”.
Sobre todo, como sinalou Gonzalo Caballero, porque os cambios no clima e o quecemento global “poñen en risco o noso modo de vida”. “A Galicia na que vivimos é unha Galicia que corre un risco real pola subida do nivel dos océanos, pola caída das precipitacións, pola destrución da biodiversidade…”, alertou, consciente de que o noso clima pode acabar sendo “o de Andalucía”.
Por tanto, o máximo dirixente do PSdeG apuntou ao Green New Deal como “unha oportunidade para Galicia, para adaptarnos ás novas tendencias produtivas” con políticas “responsables e que entendan a importancia da transición ecolóxica”.